Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Picasso: fotos e gravados

O museo barcelonés dedica dúas exposición a Lucien Clergue e Brigitte Baer

Os museos foron un dos sectores máis castigados polas consecuencias do andazo de covid19. A ausencia total de turismo -e de visitantes locais polas restricións- durante dous anos supuxo unha caída drástica de ingresos, a súa principal fonte de financiación. Nesta situación, as exposicións temporais teñen que adaptarse ás limitacións orzamentarias conxunturais. E en base a esta premisa, cómpre facer virtude da necesidade. E isto é o que ven de suceder co Museu Picasso de Barcelona á hora de programar as dúas exposicións dedicadas ao fotógrafo Lucien Clergue (1934-2014) e á Brigitte Baer (1931-2005), catalogadora da obra gráfica do pintor, inauguradas hoxe (mércores). Mostras que amosan o valor dos fondos de arquivo do museo, acrecentados grazas a compras oportunas (como no caso da de Clerge: 600 fotos en 2016) e doazóns (un sobriño de Baer doou o arquivo da súa tía e a Galerie Kornfeld fixo o mesmo coas fichas de traballo da catalogación).

Clergue coñeceu a Picasso en 1953, cando aínda non era profesional da fotografía, á saída dunha corrida de touros en Arles (Linguadoc). Aproveitou para mostrarlle algunhas obras súas e puido fotografalo. O pintor quedou impresionado polas imaxes de Arles bombardeada polos aliados ou de cadáveres de animais botados ao río Ródano, en definitiva a base do Guernica (touros, guerra e bombas e prea). Dous anos despois, invitado por Picasso, Clergue visitouno na súa residencia de La Californie (Canes).

Comezou daquela un continuo de encontros (ata vinte) en diversas localidades occitanas nos cales o fotógrafo recolleu imaxes da vida cotiá de Picasso. Clergue coñeceu a Manitas de Plata (guitarrista de orixes xitanas catalás, do norte) e con el organizou unha festa flamenca en 1964 no Anfiteatro de Arles, á que Picasso foi invitado. Festa que se repetiu por dúas veces en 1968 a iniciativa do pintor e coa presenza de Clergue.

Nas fotos atopamos un Picasso relaxado na súa residencia, na praia e bañándose nas augas do Mediterráneo, coa súa muller Jacqueline, cos seus amigos. Entre 1968 e 1970 Clergue viaxou por diversas cidades para fotografar a presenza da obra de Picasso nas rúas. O derradeiro encontro tivo lugar en 1971. Despois da morte do pintor en 1973, fotografou a súa ausencia, en Notre-Dame-de-Vie, onde se teceran tantas complicidades.

Indo a Brigitte Baer, o seu arquivo é unha viaxe polos gravados de Picasso. Fichas da catalogación e preto de doce mil fotografías, que constituíron o perpiaño para a publicación do catálogo razoado por Kornfeld (sete volumes e mais un addendum, publicados entre 1986 e 1990). Un traballo minucioso, exquisito, coidado e intelixente, como queda evidente se observamos as fichas que elaborou. Pero o estudo feito por Baer non se limitou a unha catalogación mecánica: tratou cos gravadores e impresores, estudou as técnicas e, en definitiva, a relación entre os estados de ánimo de Picasso cando fixo os gravados.

A paixón de Brigitte Baer (profesionalmente era editora e xornalista) pola obra do pintor malagueño comezara cando en 1975 o seu amigo Maurice Rheims, responsable do legado de Picasso, lle propuxo traballar con el para inventarialo. Pasou cinco anos nas cámaras blindadas da Banque Nationale de Paris e na residencia de Notre-Dame de Vie, en Mougins. Foi daquela cando recibiu o encargo de Kornfeld para continuar a catalogación da obra gráfica de Picasso, encetada por Bernhard Geiser.

A tarefa de Baer foi dunha intuición extraordinaria se temos en conta que non coñecera a Picasso. Unha tarefa ausente de calquera divismo ou protagonismo, que lle permitiu saber das emocións do pintor, das súas reflexións e dos seus soños. Baer era unha muller que se refuxiaba nos seus papeis, o que lle servía para aumentar os seus coñecementos. Dispoñer, como sucede co arquivo do museo barcelonés, do fondo dos seus estudos sobre os gravados de Picasso non só é un privilexio. Constitúe unha ferramenta para reflexionar sobre o valor dos documentos. Dalgún xeito, Baer foi pioneira na concepción posmodernista que proclamou que a intervención nun arquivo (o seu simple estudo abonda) xa o transformaba. Abonda con estudar as fichas.

Joaquim Ventura

22 jun 2022 / 20:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.