Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Piñeiro recibe a Nyno Vargas e Pili Pampín no ‘Bamboleo’

A cantante galega rendirá homenaxe a Ana Kiro, mentres que o valenciano presentará os seus novos sinxelos no programa da TVG

Bamboleo chega de novo este sábado coa súa máxica combinación de música, diversión e entretemento. Xosé Manuel Piñeiro recibe hoxe dous artistas de nivel: Nyno Vargas e Pili Pampín. Ademais, unha das mellores orquestras da verbena galega, como é a Olympus, amenizará o programa, que tamén contará coas demostracións de baile da parella formada por Eivynd e Daniel.

Pili Pampín ofrecerá unha selección de temas cos que lle rende homenaxe a Ana Kiro, unha das grandes damas da música galega, así como outras cancións. Pola súa parte, o artista valenciano Nyno Vargas presentará os seus últimos sinxelos: unha versión do clásico do flamenco Fuera de mí, actualizada con sons urbanos, e a súa última bachata co flow flamenco e urbano que caracteriza o artista e que se titula Me encanta. A conxunción galego-valenciana formada por Pili Pampín e Nyno Vargas participará tamén nos xogos que teñen preparados os colaboradores do programa: Tamara Pérez e Claudio Pan.

No ‘Agora ou Nunca’ vanse estrear cantando ante as cámaras os participantes desta noite: Beatriz Pita e Rober Barros. Os dous amosarán os seus dotes para a canción entoando Profundo valor, de Marta Sánchez, e La cosa más bella, de Eros Ramazzotti.

O karaoke de ‘A Jrileira’ enfrontará a Comisión de Festas da Xunqueira de Cee e o Club de Fútbol Raio Alaricano de Allariz, que, por medio dos seus representantes, Antía e Aram, cantarán Del estadio al cielo, de Morat, e adiviñarán o maior número posible de intérpretes en minuto e medio de tempo.

Na ‘ITV do Amor’, un concursante do público xogará contra María e tres amigos para adiviñar quen é a súa verdadeira parella. Unha proba nada fácil que contará coas divertidas e enxeñosas intervencións de Isi, Tamara, Damián e Javi Varela.

Este sábado chega á TVG a serie documental Galicia de 20 a 20. A cápsula do tempo, que volverá cen anos atrás para mergullarse nunha Galicia moi diferente á que coñecemos na actualidade, pero cuxa pegada perdura a día de hoxe. Coñecer a sociedade, a política, os costumes, a cultura ou a economía son só algúns dos interrogantes que xurdirán polo camiño e dos que os espectadores obterán resposta a través dos testemuños de expertos en cada materia.

Hai cen anos Galicia atopábase nunha época apaixonante, chea de avances tecnolóxicos, con cambios no pensamento e cunha estrutura social moi diferente, que comezaba a dar os primeiros pasos para converterse no que coñecemos na actualidade.

Da man de expertos en cada unha das materias, o programa construirá un relato fiel da sociedade, das artes ou da economía da Galicia dos anos 20. Todo isto vai ir ilustrado coas noticias da época, con eventos e lugares destacados ou coas figuras célebres do momento.

A primeira entrega desta serie documental de tres episodios internarase nas peculiaridades da sociedade e da vida diaria dos galegos de principios do século XX, desde o agro ás grandes vilas galegas. Será un percorrido ao longo da década dos 20, desde o contexto histórico e político do momento ata a primeira visita de Afonso XIII a Galicia ou á xuntanza de grandes personalidades grazas ao poder das augas de Mondariz. Todo isto sen esquecer diversas cuestións fundamentais, como o funcionamento das familias, a emigración ou o momento que vivían as mulleres.

21 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.