Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pioneira proposta de Kiko da Silva con Quico Cadaval

Hoxe en Pontevedra, fan un espectáculo que mistura cómic e teatro: ‘Oralidade ilustrada’

Esta noite hai unha proposta cultural orixinal como poucas. Nas festas de Pontevedra, no programa Pontevedra Vívese, ás 21.30 h, na Praza María Victoria Moreno, vai facerse un espectáculo moi especial que xunta a Kiko da Silva e Quico Cadaval.

Proposta con entrada de balde, baixo o lóxico protocolo da covid-19, vai misturar o mundo do cómic e o do teatro, tendo por bandeira a frase... Oralidade ilustrada.

Kiko da Silva, colaborador diario de EL CORREO coa sección A Silveira, estrea deste xeito aposta pola banda deseñada máis alá da súa mesa, os libros e as exposicións.

“É a primeira vez que colaboramos xuntos Cadaval e máis eu, aínda que non é a primeira vez que me confunden con él. Teño unha anécdota moi graciosa cunha radio portuguesa, cando Cadaval foi o director de Operación triunfo (OT) en Portugal. Chamáronme a min, e dinme conta aos cinco minutos que as preguntas ían dirixidas a Quico Cadaval! E todo isto en directo”; lembra o autor da cidade do Lérez.

Esa lembranza proba que a ponte do humor vai ben dun a outro protagonista desta oralidade ilustrada.

Da Silva engade detalles.

“É un espectáculo especial pensado para Pontevedra. Cadaval vai contar catro relatos relacionados entre sí tematicamente e eu ilustrareinos en directo. Para min é algo novo, pero ao mesmo tempo non. Trátase de facer o que fago todos os días pero en directo, en pantalla grande. Con todo o proceso visible, erros incluídos... Gustoume moito a idea de ilustrar contos orais. Normalmente o que ilustro é literatura escrita. Nunca fixen ilustracións de relatos contados oralmente... vai ser coma voltar ao medievo cos trobadores e os cantares de cego, que ían ilustrados”.

Tendo en conta que estamos no século XXI, Da Silva vai ter ferramentas propias deste tempo, sempre apoiando a súa creatividade.

Da Silva: “Vai ser en dixital, ao facelo fóra e non saber se vai a facer vento preferín facelo en dixital, pero cunha técnica moi pictórica. Levarei o meu ordenador e a miña Cintiq (pantalla dixital) para pintar, e estará todo proxectado nunha pantalla grande”,

Sendo unha idea tan chamativa, a pregunta é... vai ter continuidade?

“En principio é efímero, dependerá de como quede, igual o subimos despois á rede, ou estudamos a maneira de publicalo. Esto tense feito musicalmente moitas veces así é máis fácil pero... o noso é máis complexo, porque trátase de narrar dende a imaxen o relato de Cadaval. É como as Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio, pero no século XXI”.

Antes aínda de principar, xa hai boa resposta.

O escritor Xavier Alcalá, por exemplo, dixou en Facebook: “Sodes unha parella de talentos de medo. Seguro que convencedes ó persoal”.

14 ago 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito