Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Placeres Castellanos, a guerrilleira nº 35.435

O rol das mulleres galegas nas guerras non ten, nin por asomo, o recoñecemento que se merece no noso saber popular actual. Un exemplo perfecto é a historia de Placeres Castellanos (1896-1971), que por motivos da vida acabaría sendo parte da resistencia contra a invasión nazi.

Nada en Pontecandelas un 11 de xaneiro aló polo ano 1896, Placeres Castellanos tivo unha infancia como a de calquera outra rapaza de aldea. Casou sendo moi nova, con 15 anos, co silledense Victor Fraiz (1887-1937), que entre outras moitas facetas era mestre e xornalista con fondas inquedanzas sindicalistas -fundaría na vila xornais como El Heraldo de Puente Candelas e El Explorador de Puente Candelas, ambos en 1915-. Xuntos tiveron sete fillos, e, eventualmente, a carreira de Fraiz obrigaríaos a mudarse á cidade olívica.

Narra Lois Pérez Leira en ‘Mulleres da emigración’ (2009), que foi coa chegada da Segunda República cando Castellanos se comeza a implicar máis a fondo na vida política e na militancia comunista. En 1932 forma parte da Liga pola Defensa dos Dereitos do Home e en 1933 convértese a primeira muller da Agrupación Socialista de Vigo e é nomeada secretaria do Comité de Vigo do Socorro Vermello Internacional.

Sería debido á súa labor nesta organización polo que Placeres Castellanos estaría na capital do país o 18 de xullo de 1936, o día do alzamento militar, coicidencia que faría que salvase a vida mentres que a súa familia caía en mans do franquismo. O seu marido Victor Fraiz, e un dos seus fillos, homónimo ao pai, foron asasinados.

É a partir deste momento cando Castellanos comeza a formar parte activa de movementos galeguistas antifascistas. Foi enfermeira dos frontes de combate de Jarama, no hospital de Tarancón (Cuenca), e logo no 6 Corpo do Exército, no fronte do Pardo.

En 1938 pasa a formar parte da organización Solidariedade Galega Antifeixista en Valencia, e convértese, durante o tempo que dura a guerra, nunha prolífica xornalista de Nueva Galicia. Con todo, o seu activismo sociosanitario obrígaa a buscar refuxio no exilio cando remata o conflicto, e comeza en Francia unha nova etapa de loita pola democracia.

A guerrilleira 35.435. O 30 de xuño embarca cara o país veciño, onde permanece no campo de concentración para mulleres e nenos de Cenilles e, finalmente, coñece ao checoslovaco Josef Spirk, que participara na guerra civil e que a pon en contacto coa resistencia francesa contra os nazis.

Logo de colaborar cos maquis e proporcionar coidados e recursos aos presos, en 1941, conta Pérez Leira que Placeres Castellanos pasa a ocupar o posto de sarxento da terceira brigada de Guerrilleiros da Amical FFI (Forces Françaises de l’Intérieur), como a guerrilleira número 35.435.

As súas fazañas nas diversas operacións outórganlle un fondo recoñecemento entre a resistencia, e esta muller, que unha vez fora unha rapaza coma outra calquera de Ponte Caldelas, pasa a ser coñecida como a Española Clavets D’Unijot, e na súa andaina no país francés lévaa a coñecer a persoeiros como Alberti e Neruda.

Ao rematar a guerra, consegue reunirse co seu fillo pequeno, con 17 anos naquel momento, e finalmente emigrar a Arxentina onde, de cando en vez, participa nas actividades dos exiliados da federación de Sociedades Galegas. Non é ata o ano 1955 que esta activista feminista e defensora dos dereitos democráticos, que foi nos peores conflitos da súa época guerrilleira, enfermeira e xornalista, retorna á súa Galicia natal, ata que, en 1971, falece. Hoxe, o seu corpo descansa no cemiterio de Pereiro xunto ao do seu marido.

06 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.