Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Poemas que nos recrean un amplo universo de fluencias mareiras

Mar de mazá é a máis recente incursión da escritora Elvira Ribeiro Tobío (Cerponzóns, 1971) na poesía infantil, eido no que xa tiña publicado outras meritorias achegas como pAlAbrAs brAncAs (2008), As redes de Inés (2014) ou Ola! Son un bicho bóla! (2019).

Os poemas de Ribeiro Tobío van acompañados neste álbum que publica a Editorial Galaxia polas suxestivas ilustracións de Begoña G. Arce. Entrambas recrean un universo de fluencias mareiras, no que están presentes os sete mares e as augas de todas as cores, os mares calmos e os bravíos, as insuas dos tesouros e as nenas piratas, as mariñeiras e as que reloucan coas ondas na beiramar, os nenos que soñan navegacións e carabelas e os faros que todo o alumean.

De por parte, aquí están tamén moitos dos estilemas da nosa lírica medieval, que por veces se codifican como neobarcarolas e mesmo reescriben a cantiga de Mendiño, para, noutras ocasións, incorporar tamén homenaxes a Robert Louis Stevenson, Xohana Torres, Álvaro Cunqueiro ou Antón Avilés de Taramancos, entre outros.

Trenzados en ritmos asonantes e romanceados as máis das veces, esta mar poma da escritora pontevedresa dá cabida tamén a textos que son ludismos verbais xunto a outros nos que se subverten os roles xenéricos, proxectando así lúcidas lecturas feministas que nos falan de bucaneiras e capitás, mulleres afoutas para as que vivir é navegar e non agardar penélopes o retorno de improbables odiseos.

Deseñado cunha estrutura esférica ou circular que inclúe un cabezaleiro poema Convite e un coda en Maradeus, a ducia e media de textos que compoñen Mar de mazá abóndanlle a Elvira Ribeiro Tobío para engaiolarnos coas paisaxes, os soños, as aventuras, os recendos, os sons e as ardoras que o mar agocha. Todo un convite para botarnos nós tamén a navegar. A que esperar? Avante toda por estas páxinas!

armandorequeixo@hotmail.com

22 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.