Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 28 enero 2022
15:11
h

Precariedade laboral na investigación da USC

A Asemblea de Investigadoras de Compostela loita por revertir a situación na que se atopan as investigadoras e investigadores na universidade da capital galega.

A precariedade laboral atravesa á xuventude hoxe en día, e no terreo da investigación non é distinto. A Asemblea de investigadoras de Compostela (AIC), creada en 2017 pelexa na universidade da capital galega para mudar a situación na que se atopan as traballadoras e os traballadoras que se dedican á investigación.

De cada 5 investigadores e investigadoras na USC, só unha recibe remuneración polo seu traballo. De cada dez, só unha ten contrato a máis de tres anos. Isto é só algún dos exemplos do seu panorama, pero a lista é máis longa. Traballo non remunerado, horas extras, contratos intermitentes...

Falamos con varias das persoas que participan neste espazo para falar do funcionamento deste espazo, así como da situación na que se atopan. Falando de porque decidiron crear este espazo, comentan que xurdiu a partir da folga xeral estatal do 2017 de educación. Esa folga coincidiu co cambio no código contractual dos contratos de investigación, que o achegaba máis a un contrato en prácticas. “Despois da folga, un pequeno grupo, movidas polo furor da folga e poñendo en común todas as cousas que estaban a acontecer, decidimos que sería importante crear un espazo onde puideramos levar ao común os problemas que tiñamos”.

Unha das principais batallas da AIC na actualidade é a loita pola indemnización por fin de contrato nos predoutorais. A USC leva dende o 2016 sen pagar dita indemnización ás traballadoras e traballadores que rematan o seu contrato. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en 2019, condenou á Universidade de Santiago a pagar ás indemnizacións, negando que os contratos predoutorais podan considerarse como formativos, equiparando estes ao contrato temporal. A universidade recurriu ante o Tribunal Supremo, segundo os xestores por seguridade xurídica. A sentenza do TS sinalou que debería ser o lexislativo quen regule, deixando outra vez sen indemnización ás traballadoras e traballadores predoutorais. Dita sentenza situou de novo as figuras contractuais nunha ambigüidade, e con esta ambigüidade apunta a AIC que “xogan normalmente as universidades e os institutos de investigación, aproveitándose para eles mesmos... todo a que poidan aforrar, afórrano”. Este tema non está aclarado a día de hoxe, o Goberno pretende cambiar a Lei da Ciencia, polo que a Asemblea de Investigadoras de Santiago continua a traballar, xunto con outras asociacións de investigadoras e investigadores, manifestando ás súas demandas a través das emendas a dita lei.

A situación dos seus contratos é só un dos exemplos da situación á que se enfronta quen decide dedicarse á investigación, a precariedade aparece dende o principio. A convocatoria da Xunta require matriculación para optar a axudas, polo tanto matricúlaste sen saber se vas a contar con financiamento ou non. “De feito este é un dos motivos de que moita xente comece un doutorando e non remate. Se non consegues financiamento tes que compaxinalo con outros traballos e polo tanto pase a investigación a un segundo lugar”.

A desigualdade de xénero agrava esta situación. “As convocatorias non teñen en conta o tempo que igual paraches por baixa maternal. Iso fai que non teñas os méritos suficientes porque non puideches dedicar o tempo, facendo que moitas vaian abandonando porque non teñen os méritos suficientes para concorrer ás convocatorias”. Pero esta desigualdade non se observa só nas convocatorias. “Hai moitas institucións que aínda non cumplen cos criterios de igualdade. Seguimos tendo centros de investigación en Galicia sen plans de igualdade”. A USC aprobou o terceiro plan de Galicia en igualdade de oportunidades entre homes e mulleres o 28 de maio deste ano, pero o segundo deixou de estar en vixencia o segundo plan en 2018.

A pesares de que nos graos atopamos maior presenza de mulleres que de homes nos graos, ao avanzar a vida académica a porcentaxe de mulleres diminúe. A porcentaxe de homes é maior no caso de doutores e doutoras, á inversa que no caso de axudantes. En canto a cátedras, as mulleres ocupaban menos do 20% na USC en 2015 . “Existe un teito de cristal. Os homes ocupan os postos máis altos, non só a nivel de investigación e profesorado, senón tamén en órganos de decisión” sinalan dende o grupo de xénero da asemblea. Tamén sinalan que “hai estudos do Observatorio de Igualdade ou de centros de igualdade que demostran que a mesmo currículo e a mesmo nivel persoal, coas mesmas cargas familiares, promociona antes un home. Hai que xulgar tamén que tipo de tribunais avalían os teus méritos. Son tribunais paritarios? Moitas veces non”.

A discriminación tamén está presente no tema das patentes. Se son presentadas con nomes femininos o seu ratio de éxito é menor, incluso menor que en casos onde o nome presenta ambigüidade. É no caso da formación, “cantas mulleres se estudan cando se estuda na carreira? Poucas. E son soados os casos de acoso e conductas impropias na Universidade por parte de figuras de poder”.

Dende a AIC agardan que coa proposta de lei Angeles Alvariño, presentada polo BNG no parlamento galego para mellorar a situación da muller na investigación, esta situación cambie. Dita lei, que propón sancionar ás institucións que non cumpran as normativas de igualdade, foi paralizada por unha emenda do PP, polo que houbo que abrir diálogo de novo, nas están presentes outras organizacións como Investigal e AMIT Galicia,

Por outro lado, a AIC apunta que neste sector “a competitividade é brutal, nunca estás solicitando cousas para o nivel que realmente estás. Xente con preparación elevada presentase a bolsas para xente que remata o grao”. Esto é a un ciclo nocivo. Perfís con altamente formados vense na obriga de optar a axudas pensadas para fases anteriores de doutoramento para atopar financiamento. Perfís cunha formación elevada no estranxeiro ven nas bolsas a única ferramenta para voltar ao fogar. Esto fai que a novos doutorandos se lle pechen portas, “creando unha sensación de fracaso individual cando é un erro sistémico. O sistema é moi pernicioso”

Co obxectivo de principal de “defender e loitar polos dereitos dunha carreira profesional digna”, presentábanse ás anteriores eleccións da USC para loitar pola democratización da súa área. Como dende o comunicado para a candidatura expresaban, a eiva democrática maniféstase tanto no que se investiga, moitas veces ligado a intereses mercantís; no acceso á investigación, condicionado por cuestións materiais e de xénero; Por último, tamén se observa no “como” se dirixe.

“Nos levamos a cabo unha campaña chamada #porunhainvestigacióndemocrática, coa que buscamos democratizar a investigación, que sexa a propia ciencia ou investigación quen poida decidir o que se investiga, , que non sexa imposto por intereses mercantís. En particular, por exemplo, a non discriminación das humanidades ou doutras áreas, que é algo que se repite en todas as convocatorias”.

“A nosa capacidade de decisión é pequena. por exemplo non contratos predoutorais da xunta de Galicia, hai unhas supostas liñas estratéxicas, agricultura, gandería e pesca. Se unha persoa quere investigar, por exemplo en física teórica, valórase menos, e polo tanto non terá financiamento. Isto deixa a quen investiga nunha situación de desigualdade fronte a investigadoras e investigadores doutros centros, a nivel internacional e estatal”.

Nestes catro anos o espazo medrou moito. Na actualidade contan con 300 censadas, conformando un espazo diverso, con presenza de moitas disciplinas, en distintas fases de doutoramento e con distintos tipos de contrato ou sen contrato, porque “hai moita xente que fai a tese sen contrato, na USC e en todas as universidades”. Este aumento de participantes demostra a precariedade na que se atopa a investigación en Galicia. Diversas campañas foron lanzadas dende esta plataforma como, os #martesnegros ou a citada anteriormente #porunhainvestigacióndemocrática. Dende a súa posta en marcha levaron a cabo grandes vitorias, e estableceron un espazo con gran capacidade de actuación, que seguirá pulando pola mellora da situación das investigadoras e investigadores de Galicia, e continuarán pelexando #porunhaUSCDigna.

08 jun 2021 / 07:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito