Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Premiada na Gala do Libro Galego a biografía sobre Castelao de Seixas

Editada polo Consorcio de Santiago e Galaxia, concíbese como un diario persoal e terá continuidade noutros dous tomos

O xurado da quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego, iniciativa da Asocia-ción Galega de Editoras, Aso-ciación de Escritores e Escri-toras en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia., cos que se pretende recoñecer a excelencia do traballo realizado no eido editorial ao longo de 2019 en Galicia, celebrou esta fin de semana unha reunión telemática para dar a coñecer os galardoados deste ano.

Na modalidade de iniciativa bibliográfica resultou gañadora a obra Castelao. Construtor da nación. Tomo I 1886-1930, a primeira parte da biografía do intelectual galeguista escrita polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane como resultado da súa tese de doutoramento e que terá continuidade noutros dous tomos. É unha coedición do Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia.

Nesta ampla biografía de 1.331 páxinas recóllese a vida de “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”. Trátase do primeiro volume dunha “biografía monumental”, concibida por Miguel Anxo Seixas case coma un diario da vida cotiá de Castelao, cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública, xunto á actualidade da época. Ademais, o libro ilústrase con fotografías que mostran diferentes momentos da súa traxectoria.

Esta publicación é o resultado do labor de toda unha vida dedicada á investigación, á recollida de datos e documentación ao redor da figura de Castelao. O autor plasma, de xeito moi pormenorizado e rigoroso, aspectos ignorados ou esquecidos de quen foi unha das personalidades fundamentais da nosa terra e analiza todo o que se escribiu sobre el “para tentar facer esa biografía pendente”. Nesta liña, cómpre ter en conta que Castelao estivo vetado pola ditadura ata 1975 e en parte oculto ata 1984.

O historiador ordenou e datou todos os documentos escritos e gráficos compilados e outros novos descubertos estes anos. Esta biografía “concibiuse dende o comezo como un diario persoal, onde se vai marcando o que vai facendo neses días sinalados na súa cronoloxía, ao longo dos seus 63 anos de vida”, sinalou.

Miguel Anxo Seixas explica que o primeiro paso foi achegarse á “obra morta” de Castelao, todo o que se conserva do que el escribiu e tamén da súa obra gráfica e pictórica.

11 may 2020 / 23:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito