Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Premio da Gala do Libro Galego a Chan da Pólvora

Galardóns tamén para obras de Paula Carballeira, Suso de Toro e Susana Sanches Arins

A Libraría Chan da Pólvora ven de acadar onte o premio para a mellor Iniciativa cultural ou fomento da lectura na V Gala do Libro Galego “polo ímprobo labor que realizou a favor da poesía e da lectura, convértendose nunha libraría referente en Galicia e nun foco de dinamización arredor da poesía”, sinalan os organizadores.

Dese xeito, salientan os case cinco anos de traballo a prol dos versos e da lectura feito por este local da editorial do mesmo nome, unha libraría que tiña sede na rúa San Pedro de Santiago ata que hai pouco deron conta do seu peche ante a situación actual polo coronavirus.

A gala estivo organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de Cedro (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o mesmo Concello de Santiago.

O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e o crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas 15 categoríase que corresponden con obra publicada no ano 2019.

MÁIS GAÑADORES Ensaio e investigación: Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia), un ensaio literario coa vocación de dar a coñecer os procesos da literatura.

Divulgación: A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia), obra que explica dun xeito sinxelo e ameno todas as singularidades do cerebro.

Narrativa: Seique (2ª edición ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora). Neste caso, o xurado valorou o exercicio da memoria persoal e familiar e a proxección universal

Infantil: A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo), volume que brila pola recuperación dun estilo clásico para un xeito innovador na literatura infantil, no que salienta unha riqueza léxica e un xeito de narrar sen convencións que resulta atraínte.

Xuvenil: Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia), unha narración poderosa, que sobarda o xénero xuvenil. Incorpora moitos referentes femininos para formar con eles un corpo literario que fai rede con escritoras universais. Libro ilustrado: Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno), cunha boa conxunción e harmonía neste libro entre ilustración e texto, combinación na que tanto o texto como a imaxe van máis alá de ser complementarios.

Libro de banda deseñada: A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial), escollida por ser unha trama de autor que conta unha historia desacougante, dramática e desconcertante, con paisaxes que semellan pinturas.

Iniciativa bibliográfica: Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago). Para o xurado é unha obra monumental, amplisimamente documentada e que responde ao traballo dunha vida de investigación.

Tradución: Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editorial), que recupera para o galego a forza dos clásicos universais.

Poesía: Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora ).

Teatro: Citizen, do Grupo Chévere (Kalandraka )

Libro mellor editado: Fosforescencias, de Lupe Gómez; ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos), cunha boa combinación dos materiais e a ilustración de Pastor, din os promotores.

09 may 2020 / 23:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito