Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Presentada na Unesco a candidatura de ‘Ponte... nas Ondas!’ ao Rexistro de Boas Prácticas do PCI

A inscrición permitirá dar a coñecer unha experiencia única creada e deseñada no territorio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O Ministerio de Cultura e Deporte confirmou a candidatura de Ponte... nas Ondas! ao Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda, na categoría de Patrimonio Cultural Inmaterial, asinada esta semana polos embaixadores de Portugal e España, António Nóvoa e Juan Andrés Perelló Rodríguez, na Unesco.

Segue así o proceso desde que a Comissão Nacional da Unesco de Portugal, o Ministerio de Educación y Cultura de España e a Xunta de Galicia comunicaran oficialmente hai xa tres anos a súa intención de promover a Ponte... nas ondas! ao rexistro das mellores prácticas de salvagarda co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).

A inscrición do modelo Ponte... nas Ondas! na Unesco permitirá dar a coñecer unha experiencia única creada e deseñada no territorio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Para a Asociación trátase dun fito fundamental nunha traxectoria que vén de cumprir os 25 anos de historia e que vai contribuír a sensibilizar o traballo desenvolvido pola comunidade educativa e o ámbito cultural galego-portugués co patrimonio compartido.

Estar na Lista das Mellores Prácticas co PCI supón que a Unesco promoverá o modelo Ponte... nas Ondas! en todo o mundo. Tal como se recolle no dosier presentado, un dos requisitos imprescindibles que debe cumprir calquera boa práctica é que esta poida ser implantada en calquera parte do mundo.

A orixe desta Lista está no artigo 18 da Convención para a Salvagarda do patrimonio cultural inmaterial da Unesco, que establece a selección periódica daqueles programas, proxectos e actividades que mellor reflictan os obxectivos da Convención. A Unesco quere que este Rexistro sirva de fonte de inspiración en todo o mundo a todas as persoas e institucións interesadas na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial. Na actualidade apenas 25 proxectos de todo o mundo integran este selecto grupo.

UN PROCESO QUE CULMINARÁ EN NOVEMBRO DE 2022. Desde a confirmación hai tres anos das respectivas administracións da súa intención de promover a candidatura, realizouse un intenso traballo de documentación que pasou as avaliacións de todas as institucións implicadas. Logo da presentación por parte dos embaixadores de Portugal e España na Unesco, do dossier da candidatura, o Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial examinará os materiais presentados para avaliar que a proposta cumpra con todos os requisitos formais.

O chanzo seguinte son as fases de estudo e de documentación ata o 30 de setembro de 2021, e unha última fase de avaliación entre decembro e xuño do ano 2022. E no mes de novembro de 2022, logo de todos os trámites previos, o Comité faría á fin pública a inscrición no Rexistro das Boas Prácticas co PCI.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, organizadora do certame, leva vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado tamén en anos anteriores nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial organizados pola Asociación. ECG

25 mar 2021 / 12:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.