Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Preséntase a biografía de “Julio Camba, un nudista en Vilanova”

Benito Leiro, ca súa presentación o próximo día 15, culminará tres décadas de investigación sobre a vida e obra dun gran cronista da prensa española

Julio Camba un nudista en Vilanova é o título da biografía documental escrita por Benito Leiro, que se vai presentar o vindeiro día 15 de novembro, ás 19 horas, no hotel Palace de Madrid, onde o escritor arousano pasara os últimos trece anos da súa vida (1949 a 1962) como hóspede ilustre.

Benito Leiro, da man de Teófilo Edicións, nunha coidada edición presentada nun estoxo co patrocinio da consellería de Cultura vén de culminar un traballo de tres décadas recollendo testemuños persoais e documentación inédita que corresponde en gran parte ó legado particular da familia Camba. Trátase dunha ampla colección (máis de cen documentos) de cartas manuscritas, tarxetas postais, fotografías, contratos de colaboración, mesmo albaráns, receitas e fragmentos de artigos que pertenceron na súa maioría a Julio Camba, pero tamén ó seu irmán Francisco e os pais de ambos, Manuel Camba Bóveda e Juana Andreu Temes.

Esta biografía documental, que consta de 317 páxinas, incorpora ademáis setenta libros catalogados que pertenceron a biblioteca familiar dos Camba Andreu na súa residencia de Vilamaior, actual casa museo dos

Irmáns Camba. Estes títulos intégranse na maior colección documental que se conserva desta saga familiar vilanovesa, unha documentación custodiada por Pastor Pombo Ferro e as súas fillas durante os sesenta anos transcurridos dende o pasamento de Julio Camba (Madrid, 1962). En setembro de 2020 a familia Pombo doou a maior parte desta documentación ó Concello de Vilanova que a destinará a potenciar os fondos da casa museo.

Malia que o traballo periodístico de Camba máis coñecido e recoñecible proxéctase dende Madrid, con derivacións nas principais capitais do mundo occidental onde escribiu crónicas inesquecibles, hai un asunto transversal que impregna toda a escrita cambiana: Galicia. Faltaba un traballo biográfico que reflictise as raíces familiares do gran cronista, os seus contactos coa contorna social e veciñal, sobre ese humus cultural arousano no que se foi forxando o seu peculiar estilo.

Camba, un nudista en Vilanova pretende encher ese baleiro. Afonda nas vivencias de Camba dende á infancia e adolescencia arousán, cando cultivou amizades galeguistas, exerceu como mancebo de farmacia ata a fuga como polisón a Bos Aires, onde se convertiu nun activo anarquista, pasando pola relación con algúns dos próceres da cultura en Galicia, como o seu conveciño Valle-Inclán, Ramón Cabanillas, Lisardo Barreiro, Lustres Rivas, Torrente Ballester, Paco Lloréns, Augusto Assía, García Martí ou Asorey, sen esquecer as súas primixenias colaboracións, tanto en galego coma en castelán, en El Eco de Marín, La Idea Moderna de Lugo e Diario de Pontevedra.

No achegamento á personaxe explícase a relación de Camba co seu pobo natal e contorna, analizándoa a través dos seus escritos, pero tamén contando coas voces e testemuñas de persoas que o trataron. Reflíctese como era o neno Julio que presumía de inventar o tobogán no peñón por debaixo do Campanario Vello; que con a penas 12 anos de idade perxeñaba un xornal na casa natal; o adolescente que fumaba e fachendeaba de seductor no adro da igrexa; ou o mozo rebelde que disfrutaba do nudismo décadas antes de que chegaran á ría os bañistas.

05 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito