Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Proxecto Ríos

Preto de 800 voluntarios retiran máis de 13 toneladas de residuos dos ríos galegos

SANTIAGO. O pasado domingo 26 de setembro de 2021 realizouse a XIV Limpeza Simultánea de Ríos en 51 concellos de toda Galicia. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais... até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando ás 67 entidades. Houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como foi o caso de Gondomar, Ames ou Santiago de Compostela, entre outros. Este ano fíxose a limpeza en 50 treitos de río e participaron 793 persoas. Continúan a sumarse á iniciativa concellos, asociacións de pescadores, culturais, xuvenís, ecoloxistas... de moitos lugares de Galiza. Outros grupos levan participado nesta iniciativa dende o inicio, e ao longo destes trece anos podemos observar unha diminución de lixo nos treitos dos ríos apadriñados por estas entidades, aínda que en 2020 volveron a aparecer moitas rodas de automóbiles.

Recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Apareceron rodas, baterías e motores de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, algún televisor e entullos. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc... As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron aparecer en abundancia e tamén máscaras. É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os leitos e ribeiras.

No reconto, calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 13 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia, que depende da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Para esta actividade contamos coa colaboración dos concellos de A Estrada, Allariz, Ares, Ames, Arzúa, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Melide, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.

29 sep 2021 / 13:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.