Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Profesionais da cultura demandan leis de contratos e subvencións adaptadas ao sector

“Dereito contra cultura? é a xornarda que se encadra nunha liña de traballo do Consello da Cultura Galega e pretende axudar o sector cultural a “vencer resistencias que afectan á súa supervivencia e que teñen que ver co día a día”, segundo apuntou Rosario Álvarez, presidenta da institución na inauguración. Nesta idea afondou Carlos Amoedo coordinador da sesión xunto con Xabier Campos. Amoedo apuntou que “cómpre un maior desenvolvemento dos cadros das leis pero tendo sempre como obxectivo que o que buscamos é cumprir mellor o compromiso constitucional do acceso universal á cultura”. Pola súa parte, Marcos Vaquer, catedrático de Dereito Administrativo e secretario xeral da Universidad Carlos III, afirmou no seu relatorio que “no dereito da cultura segue incidindo unha forte vasalaxe do dereito económico-patrimonial” e que se debe avanzar “na súa emancipación para poder cumprir mandatos internacionais e constitucionais, que implica tamén ir gañando centralidade no ordenamento xurídico, no que queda moito tramo por andar”.

Foron Isabel Novo, letrada da consellaría de Cultura, e Juan Bautista, interventor adxunto da Deputación da Coruña, os que puxeron enriba da mesa as ferramentas necesarias no marco desta relación complicada entre o dereito e a cultura. Novo asegurou que “facemos enxeñería xurídica porque ningunha normativa está adaptada á realidade cultural”. Sobre as subvencións concretas falaron Miguel Martín, exdirector do IGAEM/AGADIC e da área de Cultura do Concello da Coruña que afirmou que “o sector da cultura non pode traballar pensando na administración, senón nos públicos”. E tamén Xavier Marcé, exdirector do ICIC e actual concelleiro de cultura do concello de Barcelona afirmou que “o problema da política cultural é o marco administrativo pero tamén que os políticos non saben definir ben as súas necesidades de xestión para adaptar o marco cultural”.

As mesas sectoriais, a COVID e os concellos

Nas intervencións quedou de manifesto que a reforma legal é especialmente necesaria neste momento, en plena saída dunha pandemia que cómpre incentivar o consumo cultural. Carlos Amoedo centrou o foco do debate na reformulación das ordenanzas e dos regulamentos municipais, que definiu como principal trincheira do campo da batalla. Ademais, engadiu que a idea é que haxa unha reforma legal pero cunha segunda premisa, común a todos os sectores culturais, “protexer os sectores culturais que crean cultura propia e de proximidade”. As mesas sectoriais atenderon as especificidades dos grandes sectores culturais. En primeiro lugar foi o do “Libro e edición”, mesa que contou coa participación de Isabel Blanco, directora da Rede de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña que explicou a política de compras de publicacións; e de Henrique Alvarellos, escritor, editor e presidente da Asociación Galega de Editora.

A segunda das mesas abordou a situación do audiovisual con Susana de la Sierra, profesora titular da Universidad de Castilla La Mancha e exdirectora do ICAA, que abordou a complexidade do cine. “O cinema é cultura, pero tamén economía, turismo e tamén actividade de lecer que perfila unha realidade complexa e que ten implicacións xurídicas” afirmou. Ao mesmo tempo advertiu que o procedemento administrativo debe ser flexible pero tamén que se deben entender como unha garantía de xestión de cartos públicos. De la Sierra, apuntou varias ideas claves como que o ministerio de cultura ten que ser independente doutras carteiras, que cómpre unha gran planificación, a necesidade da dixitalización na tramitación de proxectos e a importancia da creación dunha axencia para a xestión das competencia da materia. Completaron o panorama Manuel González, exdirector da Axencia Audiovisual Galega, e Felipe Lage, produtor audiovisual e presidente de AGAPI.

Pechou o programa Belén Bermejo, doutora en Dereito e xestora cultural, e Emi Candal, directora de Urdime e portavoz da Sectorial de Cultura de Espazocoop, que falaron da situación das artes ao vivo. REDACCIÓN.

09 jun 2021 / 18:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.