Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Prototipos para o Proxecto Nós de intelixencia artificial

A iniciativa ao servizo da lingua galega entra na súa segunda fase, cunha inxección de 600.000 euros para o seu desenvolvemento

O Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega entra na súa segunda fase grazas á nova inxección económica de máis de 600.000 euros. Unha contía establecida no convenio de colaboración firmado este mércores polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López.

Este novo acordo permitirá que os investigadores avancen co traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o idioma galego nas súas tecnoloxías.

“A Xunta e a universidade realizamos o ano pasado un traballo frutífero de colaboración que nos permitiu planificar as distintas fases deste proxecto pioneiro. Identificamos liñas estratéxicas a desenvolver nestes anos e tamén as iniciativas que sería preciso levar a cabo. Agora damos un paso máis facendo que o Proxecto Nós entre nunha nova fase na que poderemos comezar a visibilizar os primeiros avances”, expresou Román Rodríguez.

O primeiro acordo asinado en 2021, con 150.000 euros, permitiu definir tres liñas de traballo centradas na conversación oral e escrita con persoas, na calidade da lingua e xestión da información.

Asociadas a elas identificáronse, ademais, oito subproxectos para desenvolver nos próximos anos.

O novo acordo permitirá levar a cabo os seis de maior impacto que se centrarán na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística.

En paralelo, dará visibilidade ao traballo realizado na elaboración dos corpus lingüísticos e modelos de lingua, e tamén se van implementar os prototipos de probas como o recoñecedor automático da fala, entre outros, e algúns deles presentaranse en congresos especializados.

Os investigadores do Instituto da Lingua Galega e do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, ambos dependentes da USC, crearán recursos textuais e de voz que se porán a disposición das entidades interesadas en repositorios abertos con licenza libre. Crearanse un banco de voces do galego, por medio dunha plataforma áxil e flexible que permitirá rexistrar voces que len texto controlado.

A participación neste recurso será promocionada mediante unha campaña de difusión. Ao mesmo tempo se creará un corpus de voz, audio e texto aliñados, de utilidade para o recoñecemento da fala; un corpus de voz a escala web, de utilidade para os subproxectos textuais, e outros paralelos galego-castelán e galego-inglés, de utilidade para a tradución automática.

Como expresou Román Rodríguez, estas iniciativas non só serán de utilidade para acadar os obxectivos do Proxecto Nós, senón “para implicar a toda sociedade galega nun proxecto de país como este, que nos permitirá chegar a onde o mercado non chega e que situará ao galego nas contornas dixitais”.

Ao estar en aberto, poderán servir para xerar modelos de lingua integrables en sistemas e aplicacións de empresas interesadas en utilizar o galego nas súas tecnoloxías. Tanto os demostradores como os corpus lingüísticos non serán produtos finais, pois continuarán a mellorarse en anos sucesivos con novos desenvolvementos e axustes.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sinalou que é un paso máis no camiño da intelixencia artificial, unha tecnoloxía de futuro que suporá o 16 % do PIB ata o 2030 e milleiros de empregos.

Destacou que Galicia foi das primeiras en contar cunha Estratexia Galega de Intelixencia Artificial apoiada polo Sistema Universitario Galego, os investigadores e os centros tecnolóxicos e que está a desenvolver un Plan de adopción temperá desta tecnoloxía no sector público. A implantación da IA debe ir acompañada dun marco ético adecuado para o que a Administración autonómica traballa coas tres universidades.

A comunidade aposta polo organismo
Sede da Axencia Española de supervisión da IA

···Mar Pereira destacou que Galicia estase a postular para acoller a sede da futura Axencia Española de Supervisión da IA para o que xa remitiu a solicitude ao ministerio e destacou que estase a posicionar para ter voz propia na Europa dixital. Por outra parte, o acordo firmado este mércores supón seguir dando pasos no Proxecto Nós, que chegará ás tres universidades galegas enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M€, o maior investimento directo na promoción do galego en toda a historia. Con esta colaboración, a Xunta e a USC pretenden acadar unha ampla variedade de recursos lingüísticos en galego de alta calidade publicados en formato dixital baixo licenzas libres e a través de ferramentas con códigos abertos para ser empregados, libres e gratuitamente, en calquera soporte dixital polas institucións públicas, os axentes que conforman o tecido económico empresarial e a sociedade en xeral.

19 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.