Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Proxector’ recompila vídeos sobre o quecemento global

Galicia. Quecemento global: ameazas e oportunidades é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta nova entrega reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten afondar nas principais causas do quecemento global e nas oportunidades que ofrecen a educación ambiental, a conciencia cidadá ou a innovación científica para revertelo. Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Mundial da Acción fronte ao Quecemento Terrestre, que se celebrará o vindeiro 28 de xaneiro co fin de concienciar e sensibilizar sobre o cambio climático.

“A evidencia científica non deixa lugar a dúbidas: a principal causa do quecemento global é a actividade humana, concretamente, a queima de combustibles fósiles e a emisión de gases de efecto invernadoiro”, comeza o especial, que sinala o continuo aumento das temperaturas ou os fenómenos meteorolóxicos extremos como dous dos principais perigos do cambio climático. O reto consiste en “reverter o erro e converter as ameazas en oportunidades” a través da busca de alternativas sostibles e respectuosas co medio ambiente como, por exemplo, a química verde.

Para esta entrega de Proxector escolmáronse diferentes vídeos en que se explica que é o efecto invernadoiro, o quecemento global e a contaminación atmosférica ou como estes fenómenos afectan ao planeta e ás vidas dos seus habitantes. As consecuencias que o cambio climático ten para Galicia son o tema do documental Cambio climático: o reto do século XXI, mentres que a situación da contaminación atmosférica na nosa comunidade centra a peza divulgativa Conversas co ecoloxismo: Ramón Varela Díaz. Nela, o doutor en Ciencias Biolóxicas e presidente de ADEGA (1981 e 1996) reflexiona sobre a crise das industrias electrointensivas, o peche do ciclo das térmicas galegas, a transición ecolóxica, a emerxencia climática, a política forestal do país ou os incendios nos bosques. Redac.

11 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.