Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Recuperan os museos da rede autonómica o nivel de visitas prepandemia

Entre xaneiro e abril subiron un 15 por cento os visitantes a estes centros fronte a 2021

Santiago. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou este mércores que os museos da Xunta recuperaron xa o nivel de visitantes anterior á pandemia, unha mostra máis da reactivación do sector cultural.

Segundo indicou, “de xaneiro a abril achegáronse a algún dos centros museísticos de xestión autonómica case 103.000 persoas, un 15 % máis ca no mesmo período do ano pasado” e un dato coincidente co de 2019, último ano previo á crise sanitaria que orixinou restricións no acceso.

Para Román Rodríguez, este incremento pon de manifesto tamén “a importancia de seguir apoiando a rede museística galega para consolidar este éxito e fomentar o seu desenvolvemento”.

Referiuse á nova liña de axudas da Xunta, dotada con 200.000 euros, para reforzar o labor das entidades locais e sen fin de lucro titulares de museos, coleccións ou centros de interpretación.

Como dixo, unha vintena de proxectos beneficiaranse deste programa da Consellería de Cultura cuxa convocatoria vén de resolverse.

As bolsas de formación en materia de museos, ás que se destinan 114.000 euros, a nova Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia ou a celebración da II Xornada sobre o museo social programada para o outono no Museo das Peregrinacións e de Santiago son outras das iniciativas da Xunta a prol dos centros museísticos galegos destacadas polo conselleiro. E reivindicou a “capacidade comunicativa dos museos”.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades tivo tamén palabras para o espazo que acolleu a visita conmemorativa deste día internacional, o Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares, como “unha das principais pinacotecas santiaguesas” e “símbolo de memoria común e compartida”.

19 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito