Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A fundación co seu nome e a Editorial Galaxia veñen de publicar as súas memorias de infancia e adolescencia: ‘Lembranzas do meu vivir. O meu século XIX. Os tempos do instituto’, título e subtítulos que o escritor puxo ó seu manuscrito TEXTO Joaquim Ventura

Redescubrir a Otero Pedrayo

É xa asunto demostrado que nas obras de Ramón Otero Pedrayo –especialmente na narrativa- houbo un obxecto central, a súa vida, personificada nos protagonistas, que desdobraban os persoeiros que o rodearon cando non el mesmo. Os máis dos críticos chamaron a iso vocación autobiográfica, se ben os que estudamos os mecanismos da literatura da memoria quizais non o consideraríamos así.

En calquera caso, é unha boa noticia que a Fundación Otero Pedrayo e Editorial Galaxia veñan de publicar Lembranzas do meu vivir I. O meu século XIX. Os tempos do instituto, título e subtítulos que o escritor ourensán puxo ao manuscrito destas súas memorias que cobren os anos vividos entre 1898 e 1904. A edición e as notas estiveron a cargo de Patricia Arias Chachero, boa coñecedora da obra de Otero Pedrayo, que hai uns anos xa editou as cartas que enviou á súa nai, dona Eladia.

Unha primeira cousa a salientar é o bo resultado da edición, asunto complexo cando se trata de manuscritos de Otero Pedrayo, tanto pola súa endiañada ortografía como polo feito que moitas veces un non sabe que palabra é a que nos atopamos: se un termo local, un idiolecto, unha expresión en desuso, unha alteración respecto da súa forma normativa ou unha forma inventada.

Engádense estes recordos de infancia e adolescencia –rematados en xullo de 1962- ao volume que sobre os seus anos de universidade tiven o privilexio de editar (2015) e a un libriño sobre a súa infancia, publicado en 1979 polo que aínda era Patronato Ramón Otero Pedrayo.

Este volume de recordos que ven de aparecer esixía un bo coñecemento da vida ourensá no tránsito entre os séculos XIX e XX e da contorna familiar do futuro escritor, virtude que Patricia Arias demostra posuír. O lector pode ter a certeza que aquelas informacións que non aparecen non están en ningures. Un coñecemento que podemos facer extensivo á obra oteriana, como queda demostrado neses textos de recordos ou evocacións espallados por obras de narrativa e múltiples artigos de prensa.

Cabería pensar que grazas ás súas manifestacións creativas xa coñecíamos a Ramón Otero Pedrayo. Sen embargo, neste volume de Lembranzas do meu vivir I (como sucede co segundo) atoparemos confesións que non estaban en textos anteriormente publicados. Se no manuscrito dos seus anos universitarios citaba como declamaba versos de Baudelaire (na versión castelá de E. Marquina, Las flores del mal) a unha moza roxiña, pupila nun prostíbulo madrileño, neste aparecen os seus primeiros amoríos, inocentes, propios dunha adolescencia contida e sen excesos de ningunha caste.

O manuscrito do libro que agora comentamos foi regalado polo autor a Domingo García-Sabell e á súa muller, Elena Tormo. Unha das súas fillas, Teresa, asina con Patricia Arias a presentación, que narra un algo a peripecia dese feixe de follas e a amizade que unía aos dous matrimonios e como foron aqueles anos de resistencia cultural, que en Compostela tiña dous puntos estratéxicos: o piso de Ramón Piñeiro na rúa Xelmírez (coa súa mítica mesa camilla) e a casa da Rosaleda dos García-Sabell-Tormo.

Primeiro e segundo volume. A algún lector –como lle sucedeu días atrás a un ilustre académico vigués- podería sorprenderlle que o volume primeiro (número 8 da colección) apareza agora mentres que o segundo (número 9) saíu do prelo hai cinco anos. Convén dar unha explicación en tanto en canto fun –dalgún xeito- quen mirou de ser o primeiro á hora de tirar o xenio da lámpada.

En 1996, mentres investigaba para a miña tese, tiven coñecemento –grazas á amabilidade de Carlos Casares e de Francisco Fernández del Riego- da conservación na Funadación Penzol do manuscrito de Ramón Otero Pedrayo correspondente aos seus anos universitarios. Consultado de urxencia, un tempo despois conseguín unha fotocopia, o que me permitiu un mellor estudo e a posterior transcrición en soporte dixital. Tanto Casares como don Paco animáronme a que procurase a primeira parte, convencidos de que a conservaba Domingo García-Sabell. Escribinlle á Real Academia Galega, que daquela presidía, comentándolle o meu obxectivo e preguntándolle se tiña información sobre o eventual manuscrito. A súa resposta –gardo a carta- foi que non o tiña e que tampouco sabía máis información ao respecto, resposta que oportuna e literalmente incorporei ao texto da miña tese. Con todo, continuei na súa procura e incluso consultei coa Fundación Barrié de la Maza –que mercara o fondo bibliográfico de García-Sabell-, que non atoparon rastro do manuscrito. Apareceu hai uns anos nun faiado da casa da Rosaleda: benvido sexa.

03 jul 2020 / 19:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.