Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Reforzo do audiovisual galego cunha liña de axudas ás salas

Román Rodríguez agradece na preestrea da película ‘Cuñados’ en Ourense o compromiso do sector, “motor da nosa cultura”

Coincidindo coa preestrea da película Cuñados, que tivo lugar onte pola tarde no Teatro Principal de Ourense, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, aproveitou a súa presenza no acto para felicitar ao equipo técnico e artístico do filme, aos que puxo como exemplo do “extraordinario talento creativo” e o compromiso dos profesionais galegos para que o audiovisual galego sexa xa un referente nos ámbitos nacionais e internacionais.

Acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o delegado territorial da Xunta na provincia, Gabriel Alén, e o director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, “destacou que o noso cine está a darnos moitas alegrías, mantendo o seu nivel de actividade en canto a rodaxes e estreas, con recoñecementos en festivais internacionais de primeiro nivel e demostrando ser un gran motor da nosa cultura”.

Neste sentido, recordou a aposta da Xunta por estar presente en todo o proceso creativo a través dunha política permanente de apoio con programas de subvencións específicos para o audiovisual que impulsan o talento, desenvolvemento de proxectos, asistencia a mercados e foros internacionais, difusión de festivais e mostras nacionais e internacionais. A isto súmase unha de nova creación, dirixida ás salas galegas de exhibición cinematográfica.

“No Goberno galego non fomos nin somos alleos ás dificultades que trouxo a pandemia. De feito, a atención a este sector focaliza parte importante do Plan de Reactivación da Cultura con máis de tres millóns de euros en seis liñas de subvención para apoiar cadanseu momento do proceso que vai desde a creación á distribución cinematográfica”, engadiu.

Así o reflicte o apoio da Xunta a Cuñados, longametrxe de Portocabo que conta cunha achega de preto de 260.000 euros a través da convocatoria de subvencións á produción audiovisual.

Pola súa parte, Manuel Baltar considerou o de onte “un día grande para Ourense, para a cultura e para o cinema”; un Ourense ao que cualificou como “berce e gran referencia do cine galego, como o constata a 26ª edición do OUFF neste 2021”.

Explicou que “foi unha aposta da Deputación” non deixar morrer o festival e converter a Ourense nun gran plató do audiovisual.

Remarcou que este é “un Ourense protagonista, con denominación de orixe audiovisual, que rende homenaxe a esa longa traxectoria de vencellos coa sétima arte desta provincia” e, no que atinxe a Cuñados, pediu a Alfonso Blanco, coprodutor do filme, “que siga nesa senda, que pode ter lugar unha segunda parte tamén rodada en Ourense porque temos moitísimas cousas que ofrecer: o noso patrimonio, a nosa paisaxe, lugares fermosos como a estación de montaña de Manzaneda, e ese mar termal”.

Desexou “que o filme sexa un dos éxitos da tempada”.

A estrea de Cuñados supón a incursión nun xénero ata agora pouco transitado polo audiovisual da comunidade.

Rodada en versión orixinal en galego, con posterior dobraxe ao castelán dos actores protagonistas, gravouse integramente na cidade de Ourense e noutras localizacións da provincia e, grazas á alianza con Filmax, terá unha distribución sen precedentes para unha película galega, xa que a partir do 9 de abril proxectaranse cen copias do filme noutras tantas salas de todo o territorio español.

A longametraxe vén avalada pola súa participación en mercados profesionais como o American Film Market, de Los Ángeles ou o European Film Market de Berlín e conta con participar no Marché du Film de Cannes.

É a primeira incursión no formato de Portocabo, especializada en series e formatos televisivos de ficción, con títulos de éxito como Hierro, que foi Premio Ondas e Premio Feroz, Auga seca, Vidago Palace ou Os fillos do sol.

Ópera prima de Toño López, céntrase nas peripecias delitivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado para salvar á súa familia.

Está protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, Iolanda Muíños, María Vázquez e Mela Casal.

05 abr 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.