Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Regalo envelenado: cogomelos

    As primeiras intoxicacións outonais por cogomelos xa chegaron! Normal, é un ano con boa produción destas frutificacións, estamos en pandemia polo que cursos e conferencias de formación micolóxica presenciais non hai, saídas ao campo, poucas e reducidas... En fin, un caldo de cultivo estupendo para que ousados e confiados decidan experimentar a que saben estes produtos dos que todo o mundo fala, que nacen no monte e non custan nada.

    E despois están os “entendidos”, os que coñecendo unha ducia de especies xa se consideran, e se autoproclaman, “micólogos” ou “expertos en micoloxía”... A micoloxía é unha ciencia, desenvolvida por investigadores coa formación correspondente, o resto son miconaturalistas, afeccionados... Nalgún caso verdadeiros expertos no campo e, atreveríame a dicir, no laboratorio cando se trata de identificar especímenes, pero micólogo é algo máis, é o que trata de analizar, explicar e interpretar a bioloxía e ecoloxía dos fungos no medio ambiente.

    Chegados a este punto hai que pensar que en Galicia coñécense da orde de 2.000 especies de macromicetos (cogomelos que van desde 3-4 mm a 30 cm), dos cales ao redor de 100 poderíanse comer, son carnosos e non intoxican, aínda que a maioría non sabe a nada. E ao redor de 50 especies son tóxicas, a maioría producen algunhas molestias, máis ou menos graves, pero nada máis, ao redor de media ducia, envían ao hospital a quen as consome e algunhas veces ao cemiterio, en doses pequenas.

    Esta é a razón pola que hai que coñecer unhas e outras, para evitar enganarse e confiarse.

    Outro problema que se presenta no outono é o das persoas que sen saber nada de cogomelos aceptan e consomen os que lles da un amigo “experto”. É admirable ese grao de amizade e confianza, pero asombra esa inxenuidade que pode levar a aceptar un “regalo envelenado” e acabar, como mínimo, directamente no hospital.

    E ir a un hospital neste momento non é o máis desexable. A pandemia ten ocupada a atención da maioría dos profesionais da saúde e, polo que acabo de ver, en caso de intoxicación por cogomelos non sempre seguen os protocolos establecidos para este tipo de situacións. Aplícanse tratamentos paliativos, ensaio/erro, e as consecuencias poden ser terribles para o intoxicado.

    En Galicia, o Sergas dispón, desde hai case 20 anos, dun protocolo de actuación en caso de intoxicacións hepatotóxicas por cogomelos, que responde ás investigacións e experiencias do Dr. Josep Piqueras (Valle Hebrón, Barcelona) nas que puxo a punto o método de tratamento. Curiosamente, nin todos os centros hospitalarios o usan e polo que se ve, non o coñecen ou ignórano.

    Hai 40 anos que se usa de forma habitual, non como antídoto, senón como protector hepático, Penicilina G en doses moi elevadas; pero curiosamente neste curruncho do noroeste ibérico aínda hai profesionais da medicina que o ignoran! Moitos dos nosos médicos parece que teñen micofobia, incluso á hora de aplicar os tratamentos.

    Nos centros, que o usaron nos últimos anos, presumen de que os intoxicados por Amanita phalloides, Amanita verna, Lepiota brunneoincarnata ou Lepiota helveolla saíron ben da situación e con mínimas secuelas. Por que os demais non copian? A humildade é unha virtude pouco frecuente.

    18 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.