Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Rehabilitar a Catedral de Mondoñedo terá un custe de 6,5 millóns de euros

É das primeiras actuacións do ‘Plan Catedrais 2021-2027’ que a Xunta ten en marcha para que os templos catedralicios galegos reciban ben o Ano Xacobeo

Entre as primeiras actuacións do Plan Catedrais 2021-2027 que a Xunta ten en marcha nos grandes templos catedralicios galegos para que afronten a década xacobea nas mellores condicións atópase a rehabilitación da Catedral de Mondoñedo. O templo conta cun investimento de 6,5 millóns de euros que están dando lugar a certos avances. En concreto, nestes momentos estase actuando no mural do presbiterio e nas pinturas murais, coa intención de rematen o vindeiro verán, según afirmou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que visitou este luns a catedral.

O titular de Cultura sinalou que o investimento previsto en Mondoñedo fará posible “reforzar e revalorizar” o papel deste templo, “unha das xoias do Camiño do Norte, incluída, como a de Lugo, na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco de 2015”. Neste sentido, recordou que a Xunta tomou como punto de partida a restauración da Catedral de Santiago co obxectivo de blindar a conservación do resto das catedrais. “Foi un éxito colectivo ao que damos continuidade en toda Galicia con traballos que requiren que todas as administracións implicadas traballemos sumando vontades e esforzos”, afirmou.

No caso do presbiterio e murais da Catedral de Mondoñedo, sinalou que se trata da primeira dunha decena de actuacións que se desenvolverán ao longo dos vindeiros anos. Trátase de melloras que contan cun investimento de máis de 255.000€ de especial relevancia xa que os restos murais conservados contan cun gran valor.

Ademais destas actuacións, entre as que se porán en marcha ao abeiro do Plan Catedrais destacan a limpeza e consolidación das torres, a rehabilitación integral da parte sen uso do Pazo Episcopal para ampliar o museo ou a resolución das humidades que afectan a diferentes puntos do templo. Así mesmo dotarase ao conxunto catedralicio dun novo proxecto museográfico e restauraranse bens artísticos como os órganos.

Convenio coa diocese. Para continuar avanzando na posta en valor do patrimonio da provincia, o conselleiro e o novo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, asinaron este luns un convenio para promover a restauración da igrexa do mosteiro de San Salvador en Vilanova, Lourenzá, así como para a restauración do conxunto mural da nave central da igrexa de Vilares de Parga en Guitiriz, ambas cun investimento superior aos catrocentos mil euros.

No caso da igrexa do mosteiro de San Salvador intervirase na lanterna do cruceiro, que inclúe a desmontaxe e posterior montaxe do cupulino, a reparación de danos estruturais nas fábricas de cantería da nave lateral sur. Eliminaranse tamén filtracións de auga de chuvia a través da cuberta das naves laterais e se actualizará a instalación eléctrica.

No que se refire á igrexa de Vilares de Parga, en Guitiriz, as actuacións irán encamiñadas a restaurar o conxunto mural da nave central. Entre outras actuacións, estará a de limpar a superficie para devolverlle ao conxunto mural a uniformidade perdida.

Máis de 60 actuacións en todos os templos. Todos estes traballos están incluídos na estratexia autonómica de mellora e conservación do patrimonio que garante a súa preservación para as xeracións futuras. En concreto, o Goberno autonómico incrementará un 23 % o investimento en 2022 no patrimonio.

Como dixo Román Rodríguez, dáse así un paso máis para que Galicia avance na protección dos seus bens máis senlleiros. En total, o Plan Catedrais, dotado con 38 millóns de euros, recolle mais de 60 actuacións para asegurar a debida salvagarda e recoñecemento das catedrais de Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui, da antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo en Foz e das concatedrais de San Xiao de Ferrol e de Santa María de Vigo.

27 dic 2021 / 18:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.