Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Reset the world’

    Os graffitis chegaron actualmente a un nivel de excelencia estética que os converten nunha característica manifestación artística da cultura urbana. Nos últimos días, segundo collo a miña saída da autovía, fun observando como tres ou catro graffiteiras anónimas ían aos poucos completando a súa pintura, dende o bosquexo básico ata a obra final, nunha enorme tapia do campo municipal de fútbol. O resultado, ademais dunha contundente reivindicación feminista, é unha composición visual de enorme forza e cromática enerxía. Quen crea que estes rapaces non son artistas (ou os rapeiros auténticos poetas) ignora o mundo no que vive.

    Antes as pintadas non gastaban tanto luxo plástico, limitándose as máis das veces a textos breves que, dende a ironía, convidaban á reflexión. Talvez lembre vostede todo un clásico: Reset the world. Nunca esta metáfora informática se fixo tan profética e radicalmente aplicable ao sitio no que o mundo se converteu nos últimos sete meses. Na Biblia, pragas e calamidades, ditadas por un deus que non se andaba con chiquitas, castigaban simbolicamente a maldade humana: Babel, o diluvio, Sodoma... Non sei vostede pero eu sinto o desacougante pulso de que a humanidade tivo que chegar ao extremo da vesania, da violencia, da avaricia, da corrupción, da inxustiza, do egoísmo e do consumismo patolóxico para que un infusorio, acaso enviado pola providencia, viñera a dicirnos: Chachos, parade un pouco, mirade ao voso derredor e reseteade o mundo pois ata aquí chegamos.

    Hai un par de meses, eu, e vostede, creo, tamén, tiñamos non sei se a ilusión ou unha leve convicción de que isto acabaría, de que o bicho, farto xa de tocarnos a paletilla, diría: Aí vos quedades, que non tedes remedio. A ver se desta aprendedes e o mundo que coñecemos voltaría a ser como antes do sarscovdous. Pois non. A pandemia non trae data de caducidade, a curva non hai santo que a dobregue, a esperanza na vacina é como agardar por Godot. Toca recablearmos o sistema. Todo o sistema. Onde máis doe. O escenario é o dun mundo onde relacionármonos os seres humanos ten un alto risco de contaxio. Oín no telexornal un médico de Ourense dicir: O que fai que facer é non relacionarse. É duro pero é así. Aterra.

    “Presencialidade” é unha odiosa palabra que lembra a nosa vida antes de marzo de 2020: as cañitas e viños nas terrazas; as aulas con alumnos e profesores; os xantares ou ceas na casa coa familia e os amigos; as verbenas coa Panorama e os concertos no Monte do Gozo; as viaxes ou escapadas nas pontes; os buses, metros, avións, cruceiros; as lonxas, tendas, prazas de abastos, mercadillos... eran “presenciais”, había xente que se tocaba, sen medo uns dos outros. Non quixera poñerme estupendo pero, en fin... é o que hai.

    17 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.