Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Retrato de familia

Suso de Toro reconstrúe a traxectoria dos Baltar padroneses

No que constitúe un dos máis coñecidos inicios de novela, León Tolstoi comezaba Anna Karénina dicindo: “Todas as familias parécense unhas ás outras, pero cada familia é infeliz ao seu xeito”. A familia é a base da conformación social e unha indubidable rede de apoio pero asemade supón unha gaiola de obrigas e presións sobrevidas da cal non sempre nos podemos afastar.

Por tal razón, resulta máis complicado abordar a narración dunha estrutura familiar que a simple biografía dun persoeiro. Malia tal circunstancia, Suso de Toro ven de publicar Un señor elegante (Xerais), unha novela de non ficción que a partir da figura do padronés Ángel Baltar Varela, focaliza a cerna familiar no seu fillo Ángel Baltar Cortés, un dos introdutores da cirurxía moderna en España, e dos fillos deste, Ramón e Antonio Baltar Domínguez.

Esta familia constitúe, malia a discreción que sempre a caracterizou, unha historia de Galicia en pequeno que de maneira transversal, ocupa as parcelas do amor á terra, ás súas xentes (de maneira efectiva e solidaria), a protección da súa cultura, o valor da amizade por riba de cores e circunstancias políticas.

Abordar a historia dunha familias supón loitar –na medida en que se activan os mecanismos da memoria- contra os fantasmas do pasado, coas percepcións que se ten dos devanceiros, ás veces alteradas polo agarimo ou pola vergonza. Contra todo iso, como se se tratase dos muíños de Don Quixote, Suso de Toro aceptou o reto de dar luz a ese rosario de persoeiros que constituíron a saga dos Baltar de Padrón e de Compostela.

Co apoio das lembranzas familiares e -o que é máis importante- do importante arquivo familiar que contén escritos, fotografías e películas (unha parte do cal está depositado desde 2016 na Fundación Rosalía de Castro), o escritor compostelán sitúa as accións e iniciativas que por simple convencemento de amizade, impulsaron os Baltar. Desde as axudas de Ángel Baltar Varela a prol de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, o compromiso de Ángel Baltar Cortés co Seminario de Estudos Galegos, ou o apoio aberto dado por Ramón Baltar Domínguez ás irmás de Castelao (incluso vindicando os dereitos de autor do rianxeiro perante da editorial Galaxia), a diversos artistas (Dieste, Maside, Urbano Lugrís) ou curar clandestinamente a guerrilleiros feridos.

Repasar a traxectoria dos Baltar e facelo da historia de Galicia ao longo dos cen anos últimos. Pero tamén é facelo dos problemas que tiveron coma familia, malia a boa posición social e económica que gozaban, ou tal vez precisamente por iso. Obrigas por inercia ou non, problemas de herdanzas e os egoísmos que daquela emerxen, as tensións que se crean polas aportacións familiares que chegan cos matrimonios. Secretos de familia, en suma, que Suso de Toro encara sen medo malia que a emerxencia pública de certas cuestións sexa vista con enfado por algúns dos seus membros.

Lendo Un señor elegante e sen deixar a historia axial da traxectoria familiar, pasou a interesarme a tremoia dos mecanismos internos que aparecen e desaparecen, os secretos que pasan a seren esquecidos pola xeración seguinte, como sucede en calquera familia. Uns mecanismos que ate hai pouco podían perderse (unha carta queimada, unha foto rota, unha anécdota calada) pero que agora, coa dixitalización do pasado, poden emerxer como auténticas labazadas no rostro. É o que me sucedeu cando seguindo o fío de certos apelidos, descubrín que un sobriño da miña avoa paterna (fillo da irmá) foi carabineiro republicano durante a guerra civil e unha filla súa, candidata do MCG.

A historia que Suso de Toro novela é un continuo desfile de fantasmas que (nos) axudan a reconstruír unha chea de pequenas historias que, xuntas, ilustran esoutra historia, que xa comeza a ser escrita con maiúscula.

Joaquim Ventura

16 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.