Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Revisando a nosa arte’ ou loitar contra a desmemoria

‘A Escola de doloriñas’ probablemente sexa unha das pezas polas que máis é coñecida a lucense Julia Minguillon Iglesias, protagonista do novo ciclo de ‘Revisando a nosa arte’, que o Consello da Cultura Galega celebrou nesta semana pasada.

Cando naceu Julia, en Lugo aló polo ano 1906, o mundo aínda non tivera ouvido falar da Primeira Guerra Mundial nin España de dictadores como Primo de Rivera. Con todo, esta artista galega acabou sendo recoñecida por amosar a realidade española logo da Guerra Civil como ningún outro pintor o podía facer.

A pesar de pasar a súa infancia na súa terra natal, foi en Castela e León onde esta moza lucense entrou en contacto co mundo artístico, no momento no que estaba cursando Bacharelato. As primeiras acuarelas que pintou da súa man Julia Minguillón foron feitas en Valladolid, con apenas once anos. Con 17 anos, regresa á súa cidade natal, e grazas a unha bolsa de estudos volve marchar, desta vez a Madrid, onde continúa coa súa formación.

Julia fíxose coñecida pola súa composición, puramente realista, e a expresividade das súas pezas. Asemade, foi unha das poucas mulleres españolas que gañou a Medalla Nacional das Belas Artes, un dos maiores recoñecementos da época neste senso, e fíxoo en dúas ocasións. No 1934 obtivo a 3ª medalla con ‘Jesús con Marta e María’, e xa no 1941, recibiu o 1º galardón coa súa obra máis célebre, ‘Escola de Doloriñas’. Con todo, a súa primeira exposición individual non é ata febreiro de 1945, na sala Goya do Círculo de Belas Artes de Madrid. Unha mostra composta por paisaxes da súa ‘terriña’, de Lugo, Viveiro e Lorenzana. No ano 1948 recibe outro premio, o do Círculo de Bellas Artes, e é homenaxeada nun acto ao que acoden galegos ilustres como Castro Gil, Prieto Nespereira, Risco y García Martí.

Minguillón recibiu o recoñecemento que se merecía, e en vida quedou constatada a súa relevancia na nosa escena artística. Foi unha das poucas artistas galegas en transcender a nivel nacional, e con todo, hoxe en día é outra personaxe máis desas que ‘foron importantes pero xa non’.

A recuperación do seu legado nos ciclos de ‘Revisando a nosa arte” é case un acto de xustiza para esta galega que nunca perdeu o arraigo pola súa terra e sempre que puido representouna nos seus lenzos... aínda que parece mentira que faga falla facer un ciclo sobre unha muller que hoxe en día se expón no Reina Sofía.

Hai unha segunda oportunidade para os que a semana pasada non puideron desfrutar das xornadas adicadas a Julia Minguillón. OConsello da Cultura Galega xa ten anunciada a protagonista do vindeiro ciclo de ‘Revisando a nosa arte’, a expoñente do neoexpresionismo galego, María Antonia Dans.

María Antonia Dans nace no 1922 en Oza dos Ríos, se ben se traslada a Cuntis e finalmente A Coruña, cidade na que comeza de moi nova a súa formación artística na Escola de Artes e Oficios. É nesta época na que recibe clases de pintura por unha das grandes do noso arte, Dolores Díaz Valiño. A súa primeira exposición foi na cidade herculina, no 1950, momento a partir do cal Maria Antonia Dans emprende unha traxectoria de moitos anos de produción artística que non parou ata a súa morte, no 1988.

A época na que Dans tivo maior recoñecemento foron, sen dúbida, os anos sesenta e setenta, nos que estivo en máis exposicións das que é posible contar. As súas obras percorreron practicamente toda España, dende Madrid a Zaragoza, pasando por Vigo, Santander e Bilbao. Pero tamén tivo coleccións expostas nas galerías Woodstock de Londres e Nabega ou en París, en Francia.

Foi recoñecida, en numerosas ocasións, con medallas e premios de deputacións e concellos, e incluso polos Ministerios de Asuntos Exteriores e de Educación, dos que recibiu becas para para desenvolver a súa pintura nos epicentros artísticos de Europa, como París, Florencia ou Roma.

Ela, que foi unha das grandes expoñenentes do neoexpresionismo non só galego senón tamén español, foi a que dixo iso de “se non fora muller, os meus cadros pagaríanse polo dobre”, porque, ante todo, María Antonia Dans sempre estivo moi comprometida coa súa condición de muller nun sector (e nun mundo) no que iso acostuma a ser un lastre.

A muller sempre estivo presente na súa obra, a muller labrega, que traballa no campo, a nena que axuda coas tarefas do fogar, a que recolle herbas no campo, a que leva un pano na cabeza como a súa avoa... Escenas cotiás nas que elas (nós) son as protagonistas nun acto de xustiza poética, e que nos deixan ver hoxe a realidade do rural galego nesas duras épocas de posguerra e ditadura.

Unha cita pendente para o vindeiro 26 de outubro nos ciclos de ‘Revisando a nosa arte’, que probablemente será insuficiente para darlle a Dans o recoñecemento que se merece, pero non por iso menos imprescindible.

06 oct 2022 / 22:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito