Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Revisión do fenómeno das Irmandades da Fala nunha nova obra dixital

O Consello da Cultura Galega contextualiza na súa última publicación en rede o movemento desde unha perspectiva inédita ata a actualidade

As Irmandades da Fala no seu tempo: perspectivas cruzadas é o título da última publicación dixital do Consello da Cultura Galega (CCG). Máis de cincocentas páxinas serven para explicar e contextualizar este movemento fundamental da nosa cultura desde unha perspectiva que nunca se abordara: a comparada.

Isto permite situar o movemento histórico no seu contexto actual, é dicir, desde a perspectiva peninsular, europea e a dimensión americana da diáspora. O texto nútrese das palestras dos congresos que entre 2016 e 2018 o CCG realizou para celebrar o centenario da fundación e expansión das Irmandades da Fala.

Ramón Villares, Xosé Manoel Núñez Seixas e Ramón Máiz foron coordinadores destas citas e tamén da actual publicación que xunta as principais contribucións. Os tres participan nunha conversa, que foi gravada previamente, para dar conta da relevancia do movemento. Todo ese material está dispoñible desde hoxe no web da institución.

Unha das características novidosas que achega esta publicación é que aborda desde unha perspectiva global, propia das olladas cruzadas e transnacionais, este movemento. O volume está dividido en tres seccións, que respectan a estrutura e denominación dos diferentes congresos, e conta coa participación de historiadores, politólogos e lingüistas, como son Johannes Kabatek, Joep Leerssen, Justo Beramendi, Isabel Burdiel, Borja de Riquer, José Luis de la Granja Sainz, Alfonso Iglesias Amorín, Henrique Monteagudo, Emilio Xose Ínsua, Raúl Soutelo, Carlos Pazos-Justo, Pilar Cagiao e os tres coordinadores.

O volume aborda, en primeiro lugar, o desenvolvemento político das nacionalidades en Europa durante a Primeira Guerra Mundial e as súas secuelas, cubrindo debates teóricos, sociais mobilización e perspectivas culturais. Ademais, achégase ao tema desde diferentes escalas, mesturando a perspectiva global e transnacional coa vista desde abaixo, dende os contextos locais, con particular atención ás zonas periféricas. En segundo lugar pasa revista ao contexto peninsular, tanto español como portugués, que arrodeou o seu xurdimento, centrado nos postulados rexionalistas de Emilia Pardo Bazán e as estratexias nacionalistas vasca e catalá.

Por último, a publicación escudriña as dimensións atlánticas e diaspóricas do emerxente nacionalismo galego na época.

17 abr 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.