Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 23 enero 2021
19:50
h

Rinde homenaxe á figura de Ramón Villares un libro sobre historia agraria

A presentación da obra coincidiu co setenta aniversario do exreitor e catedrático da USC

Santiago. A presentación do libro Senderos de la historia. Miradas y actores en medio siglo de historia rural, coordinada polos profesores da USC Alba Díaz-Geada e Lourenzo Fernández Prieto, serviu para homenaxear onte no Paraninfo ao catedrático de Historia Contemporánea e ex reitor da USC, Ramón Villares, co gallo do seu 70 aniversario.

A obra rende homenaxe á figura de Villares como primixenio historiador agrario que desenvolveu dende Compostela toda unha escola de estudos neste eido do coñecemento “sobre bases sólidas e duradeiras”.

O acto de presentación da obra, presidido polo reitor Antonio López, serviu de “recoñecemento de culturas intelectuais e admiración por métodos historiográficos fundados hai tempo e percorridos ao longo de sendeiros sinuosos mais nunca interrompidos”, tal e como se apunta nas páxinas do libro dedicadas a render homenaxe a Villares. Neste senso, o libro eríxese nunha “forma de agradecer, na súa persoa, a todos e todas as que abriron camiños para seguir transitando”.

A obra reflexiona respecto de como o estudo histórico da propiedade no contexto da revolución burguesa alumou a renovación historiográfica nos anos setenta. Asemade, ocúpase de distintas liñas de investigación que foron desenvoltas pola historiografía agraria ao longo de catro décadas: a historia económica, o estudo dos comunais, a historia ambiental, a atención ao cambio tecnolóxico, a historia política e a acción colectiva no mundo rural, o vínculo coa historia social e cultural, o estudo das actitudes sociais e a relación coa historia das migracións.

Ramón Villares Paz (Cazás-Xermade, 1951) é catedrático de Historia Contemporánea da USC dende 1987. Foi, asemade, director do Departamento de Historia Contemporánea, decano da Facultade de Xeografia e Historia e reitor da USC, alén de presidir o Consello da Cultura Galega entre os anos 2006 e 2019. ECG

13 ene 2021 / 00:01
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.