Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 26 enero 2023
15:30
h

Román Rodríguez asegura que Nós potenciará o galego na xuventude

O conselleiro de Cultura explica no Parlamento galego que “unha lingua viva dixitalmente terá máis garantías de futuro”

O Goberno galego está traballando de cheo no reto de incorporar o galego ao eido dixital en pé de igualdade con outras linguas, unha acción que se vai facer realidade a través do Proxecto Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, que foi presentado onte mesmo coincidindo coa semana das Letras. E desde a Xunta estanse dando pasos decisivos de adaptación aos novos tempos, fomentando actitudes positivas cara o galego; coa aspiración de lograr ampliar os usos da lingua no conxunto da sociedade e, sobre todo, entre as xeracións máis novas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, expuxo ante o pleno do Parlamento que o Proxecto Nós “suporá o salto decidido do noso idioma ao mundo dixital e, deste mesmo xeito, potenciar o seu uso entre a mocidade, xa que −engadiu− unha lingua viva dixitalmente terá máis garantías de futuro”.

O obxectivo é que o idioma galego se incorpore e participe dos novos desenvolvementos tecnolóxicos, de forma que se poida interactuar na lingua de Rosalía no mundo dixital ao mesmo nivel que linguas como o inglés ou o castelán.

Segundo explicou o conselleiro, o Proxecto Nós “garantirá que os cidadáns poidan participar do mundo dixital sen renunciar á súa lingua propia, situando á nosa Comunidade na vangarda do uso de Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe aplicadas a este fin”. Esta iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, gratuítos e en código aberto, para que podan ser empregadas por empresas e institucións.

Traballar en positivo. Ademais, a presenza do idioma no eido dixital “amplificará os usos e o prestixio da nosa lingua”, matizou o conselleiro, que subliñou tamén que esta iniciativa é “un bo exemplo do que debe ser o traballo en positivo a prol da nosa lingua.

A este respecto, Román Rodríguez agarda que a lingua deixe de ser obxecto de “confrontación política” para avanzar no futuro do galego en todos os ámbitos “sempre desde o respecto, a tolerancia e a liberdade” e tendo en conta o marco normativo vixente e o “sentir da maioría de galegas e galegos”.

O conselleiro de Cultura puxo en valor o apoio institucional da Xunta ao idioma galego, grazas ao cal, a día de hoxe, ten un uso normalizado en ámbitos como o audiovisual, tal e como se comprobou recentemente en Madrid coa estrea de Cuñados en versión orixinal subtitulada.

Do mesmo xeito, a normalización e o equilibrio é o modelo que rexe no sistema educativo, co aval dos datos. Por exemplo, o informe PISA constata que Galicia é a comunidade onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade, e o 96 % dos alumnos afirman falalo bastante ben como para conversar con outras persoas por diante doutras comunidades con lingua propia.

Ademais, este mesmo informe sitúa o alumnado galego á cabeza en respecto e tolerancia por outras culturas, un indicador que, a xuízo do conselleiro, “ ten un alto valor xa que outras comunidades autónomas con lingua propia están nas últimas posicións”.

Nese mesmo pleno, A deputada do BNG Mercedes Queixas cargou contra a “década negra” para o idioma galego co PP na Xunta, de forma que urxe ao Goberno autonómico a revisar o actual marco educativo para acabar coa escola “desgalleguizadora”. “Abandonen o búnker negacionista”, clamou.

En resposta a interpelación, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade tendeu a man para “traballar en positivo” e “non ter unha visión tan negacionista” na que o Bloque só observa “os datos que interesa ver”.

Respecto diso, Román Rodríguez reprochou ao Bloque usar argumentos “centos de veces escoitados” porque “só válelle o seu modelo”. “Non podemos impoñer a ninguén que fale unha lingua ou outra”, afirma.

12 may 2021 / 18:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.