Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Romaní, Rivas e Aleixandre, na homenaxe a Xela Arias

Abreu, De Nut e Carrera mesturarán en Vigo a música ao vivo coa palabra da protagonista no pleno da RAG no Día das Letras

O acto do Día das Letras Galegas celebrará a figura e a obra de Xela Arias dende Vigo, escenario fundamental da vida da poeta, editora e tradutora á que a Real Academia Galega dedica este 17 de maio.

O pleno extraordinario da institución contará coas voces de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas.

Achegarán distintas olladas á autora, voz singular dunha xeración que trouxo a modernidade á cultura galega, e que tivo en boa medida a Vigo como epicentro.

A palabra de Xela Arias estará tamén na actuación musical de Mónica de Nut, Pablo Carrera e Fernando Abreu, quen comezara a preparar coa escritora un espectáculo poético-musical pouco antes do seu pasamento.

A cerimonia terá lugar no Auditorio Mar de Vigo ás 13.00. A capacidade da sala será reducida. O pleno poderá seguirse en directo dende a web da RAG, academia.gal.

Xela Arias creou unha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida e quíxoa facer dialogar con outras artes. Dende a ilustración, presente no seu primeiro poemario, Denuncia do equilibrio (1986), e a fotografía –coa que comparte protagonismo en Tigres coma cabalos (1990) e na portada de Darío a diario (1996)–, ata a música, á que se achegou especialmente na última etapa da súa vida tras a publicación de Intempériome (2003).

Pero este Ano Xela Arias celebra tamén outros perfís: os de editora e tradutora rigorosa que verteu ao galego milleiros de páxinas de clásicos universais. Drácula de Bram Stoker, Venus negra de Angela Carter, Amor de perdición de Camilo Castelo Branco ou O derradeiro dos mohicanos de Fenimore Cooper son algúns dos case vinte títulos que trouxo á nosa lingua, un labor polo que foi premiada en distintas ocasións.

A programación estenderase ao longo de todo o ano.

Nesta edición, marcada como a anterior pola pandemia, o audiovisual cobrou forza.

A RAG produciu Xela Arias. A palabra esgazada, primeira serie documental sobre a personalidade á que homenaxea, e estreará este martes o sexto e último capítulo, centrado na pegada nas novas xeracións.

A proposta, realizada pola produtora Miramemira, pode verse en academia.gal e na canle de Youtube da RAG, onde está dispoñible Xela Arias. Onde canta a poeta, trinta olladas á vida e á obra da autora en forma de micropezas. Nesta última intégrase a colaboración especial da violonchelista viguesa Margarida Mariño, que converteu en canción o poema que dá nome ao volume Tigres coma cabalos.

A RAG ofrece recursos lúdicos e didácticos sobre Xela Arias creados para o público infantil a través da web do proxecto Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), e mantén activa unha sección especial das Letras Galegas 2021 no Portal das Palabras, con xogos e outros recursos lexicográficos. As citas da palabra do día deste espazo beben ademais dende abril da obra de Xela Arias. A semana que vén sairán de Non te amola!, narración inspirada na súa infancia que permanecera inédita ata este ano.

Á volta do verán, a rag celebrará o simposio das Letras Galegas, onde distintas voces especialistas ofrecerán novas perspectivas de Xela Arias.

09 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.