Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rosalía, como símbolo de unión e de conexión de Galicia co mundo

O conselleiro de Cultura participou onte na inauguración da praza que leva o nome da autora en Pamplona // Cándido Pazos é o autor da peza que ocupa o espazo principal

    Cargando reproductor ...

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou onte na inauguración da praza Rosalía de Castro na cidade de Pamplona, unha homenaxe coa que a asociación Lar galego rende homenaxe á autora e á Comunidade galega. O titular do departamento cultural da Xunta destacou esta iniciativa, expresada a través dunha figura que é “moito más ca unha das nosas escritoras máis recoñecidas, un símbolo da nosa cultura e da nosa lingua “. “Rosalía é un símbolo de unión, de conexión de Galicia co mundo”, destacou.

Román Rodríguez resaltou tamén o traballo do escultor galego Cándido Pazos, autor da peza que ocupa o espazo principal da nova praza e que representa a imaxe rosaliana, “que recorda e subliña a irmandade entre Galicia e Navarra”.

O conselleiro quixo tamén salientar o labor de mantemento de vencellos da colectividade galega nesta comunidade, con especial fincapé “no traballo entusiasta que realiza desde os anos 50 a asociación Lar Galego, reivindicando e mantendo vivo ese sentimento tan noso como é a galeguidade”. “Galegos e navarros somos moi afortunados de contar con entidades como esta e o resto de asociacións que conforman a colectividade galega no exterior, que poñedes en valor o orgullo pola vosa terra desde a fraternidade, a irmandade e a colaboración”, dixo.

Rematou agradecendo tamén ao Concello de Pamplona ter aceptado a proposta de Lar galego de dar o nome de Rosalía de Castro a esta praza, “que simboliza o espírito de unión e concordia que se vén fraguando desde hai séculos tamén a través do Camiño de Santiago”.

No acto participaron, ademais do conselleiro, o alcalde de Pamplona, Enrique Maya; a presidenta de Lar Galego, Mª Jesús Rodríguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o escultor Cándido Pazos, entre outras autoridades e de nembros da colectividade galega. Así mesmo, contou coas actuacións musicais do grupo Os Fillos de Breogán.

Dixitalización dos fondos documentais da Fundación Vicente Risco
A Xunta colaborou no proceso co obxectivo de poñelos á disposición da comunidade académica

Allariz (Ourense). A Xunta de Galicia colabora coa Fundación Vicente Risco no proceso de catalogación e dixitalización de fondos documentais e bibliográficos de Vicente Risco e do seu fillo Antón Risco co obxectivo de poñelos á disposición da comunidade científica e académica.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou onte na presentación deste traballo, nun acto no que tamén interveu a presidenta da Fundación, Celia Pereira, acompañada de membros do padroado da entidade. O responsable do departamento de Cultura da Xunta subliñou a importancia da recuperación destes fondos que abranguen manuscritos, correspondencia, fotografías e documentación familiar entre outros, que pertencían a Vicente e Antón Risco.

Anxo M. Lorenzo destacou o complexo proceso de catalogación e dixitalización, tanto pola variedade de fondos como polo seu estado de conservación e lembrou que o proxecto de memoria dixital foi apoiado polo Goberno galego cunha achega de 78.000 euros.

A meirande parte dos documentos proceden de Canadá, onde residiu Antón Risco, e algúns mesmo datan da Idade Media. Tamén gabou o traballo da Fundación -que conta cunha achega anual de 10.000 euros da Xunta ao abeiro da convocatoria de axudas de arquivos- para actualizar un repositorio onde se poidan consultar todos os documentos categorizados e dixitalizados, con calidade suficiente para o seu estudo.

27 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito