Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rueda aposta pola normalización do galego sen peticións ideolóxicas nin mediante estereotipos equivocados

No seu primeiro acto como presidente, evidenciou a súa intención de estar á altura deste gran desafío

Santiago. O recén nomeado presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou este martes o seu compromiso coa política de normalización da nosa lingua durante o acto institucional que o Goberno autonómico celebrou no Barco de Valdeorras (Ourense) para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022 e rendir tributo ao poeta Florencio Delgado Gurriarán. Neste senso, o novo mandatario destacou que “non hai razón, pois, para imporlle peticións ideolóxicas nin estereotipos equivocados” ao idioma propio da comunidade, pero si “motivos suficientes para seguir impulsándoo con moita forza en todos os eidos”.

“O galego nomea, o galego expresa, o galego emociona e interpreta calquera realidade desde o noso prisma sen máis valados que os da propia creatividade”, resaltou Rueda este 17 de maio durante un evento que contou coa participación do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; e o presidente provincial de Ourense, Manuel Baltar, entre outras personalidades.

Mostrando o seu “compromiso” co noso idioma, o presidente autonómico parouse na promoción do galego nos espazos dos mozos a través de programas como o Plan de Galego na Mocidade que impulsa o seu Executivo. Asemade, remarcou a “importancia” da celebración das Letras Galegas, pero incidiu en que a promoción da lingua debe facerse tamén durante “o resto do ano”.

“Celebramos unha Galicia libre, orgullosa e cordial que deixa de existir nos soños dos antepasados para ser unha realidade coa que nos comprometemos; eu, sabendo moi ben o que digo, o primeiro”, aseverou o presidente autonómico, destacando que o galego define a Galicia “como pobo” e “singulariza” a súa “pegada” no mundo.

O titular do Goberno autonómico –que reiterou o seu compromiso co idioma da comunidade sentenciando que “conxurámonos para que o galego, coa participación de todos, floreza durante mil primaveras máis”– engadiu ademais que a nosa terra aínda ten “moitos pasos máis” por andar no ámbito da normalización da lingua galega. Iso sí, tamén evidenciou a súa intención de “estar á altura” desta responsabilidade, co obxectivo de que o galego siga “deixando pegada”.

O evento, con presenza tamén do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, foi o primeiro acto institucional do novo titular do Executivo galego, o cal non pasou por alto o presidente da Deputación de Ourense, quen expresou que lle parece “un acerto” que este primeiro acto de Rueda sexa o Día das Letras en Valdeorras. Por outra banda, Baltar destacou a importancia de promocionar a lingua e concienciar á poboación. “Debemos alcanzar maiores espazos de normalización e promoción do noso idioma e cultura”, expresou.

UN DISCURSO LIGADO AO EXILIO. Na súa intervención, Alfonso Rueda tivo moi presente o exilio do homenaxeado, que en 1939 puxo rumbo a América trala victoria do bando franquista en España. “En México –terra afastada xeograficamente, non tanto no corazón— ou en Valdeorras –terra escarpada— Florencio ensinounos que o idioma tamén pode ser ponte entre a nosa esencia e calquera realidade, como a da intelixencia artificial á que tratamos de chegar co Proxecto Nós; a da Lusofonía, que nos conecta con 260 millóns de falantes... No eido lingüístico, no eido cultural, no eido sentimental; ou unha ponte cara a un maior coñecemento do galego en máis de 40 universidades de todo o mundo”, recolleu no seu discurso o novo presidente galego.

Segundo apuntou no mesmo, na Galicia de Gurriarán “cabe o Amazonas, Hong-Kong e a Corrente do Golfo, pero o seu mundo gravita sempre sobre Valdeorras, sobre a súa terra”... E esa “é a mellor homenaxe que o poeta de Córgomo lle puido render a súa comarca: o seu fogar e a súa fonte de inspiración ao mesmo tempo. A Valdeorras que non sempre puido habitar, puido habitala seguro que moitísimo menos tempo do que el desexaba, vive e viviu eternamente nos seus versos”.

A ollos de Rueda, o poeta e moitos outros coma el “conxuráronse para que o galego non quedara reducido a unha nota a pé de páxina da nosa historia”. “Desexaban que puidera seguir escribindo aínda novos capítulos”, apuntou no seu discurso o pontevedrés, que resaltou haberse emocionado nunha exposición de Gurriarán previa ao acto en cuxas fotografías recoñeceu o seu tío avó, o galeguista Ramón de Valenzuela. “Non tiven ocasión de ver moitas fotos del, feito que me emocionou e me gustou moito velo aquí e velo ao lado do seu amigo Florencio”, expresou Rueda.

“Nosa Galicia é máis que toda a Terra”. O verso de Florencio Delgado Gurriarán non é, nin moito menos, unha impugnación dos actuais lindes do país, nin unha arroutada imperialista. Nin sequera unha hipérbole. A “Galicia infinda” é, pola contra, un universo verdadeiro comandado por figuras coma el, que existe grazas á lingua e grazas á cultura. Acudir estas razóns axuda para entender por que o poeta, e tantos outros exiliados en tempos escuros, mantiveron acesa a chama da nosa cultura alá onde os levaron os pasos do seu exilio”, engadiu.

“Non se impuxo neles o resentimento nin o desarraigo. Ao contrario, o seu compromiso vital e cultural foron demostrativos de que hai unha Galicia que é terreal e outra que ‘somos nós, a xente e máis a fala’”, manifestou, reiterando que “sen poder pisar Córgomo durante demasiados anos, Florencio Delgado Gurriarán habita tamén esa outra terra mentres segue cultivando unha longa tradición de construtores de Galicia desde fóra de Galicia”.

ingresado no hospital
DOMINGO VILLAR, MOI PRESENTE

··· O novo presidente galego aproveitou a súa intervención para enviar toda a forza e os seus mellores desexos de recuperación a Domingo Villar, “outro gran nome da nosa lingua”, logo de ter noticia este luns do seu súbito ingreso no hospital. “Neste día grande para as Letras que tanto contribúe a cultivar, témolo moi presente”, manifestou.

··· Dende a urbe de Vigo, onde o escritor galego encóntrase hospitalizado (na uci do Álvaro Cunqueiro) tras sufrir unha hemorraxia cerebral, o alcalde olívico, Abel Caballero, mandou un “abrazo moi forte” en nome “de toda a cidade” tanto ao autor, que ten o título de Vigués Distinguido, como aos seus familiares.

18 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.