Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rururbanitas en outono

    no sei se o adxectivo rururbano se aplica noutras latitudes pero, de ser así, non creo que teña a, digamos, semántica específica que adquire en Galicia. No seu pregón do Apóstolo de 2015, a futbolista Vero Boquete recolleu de esguello un pensamento de Pedrayo acerca da capital: Santiago é unha grande aldea. Nada máis lonxe da miña vontade que sacralizar a filorruralia (o neoloxismo é de propria minerva) dos vellos galeguistas, que, no café do casino, moldearon o concepto de labrego asoballado, un concepto que lles molaba un pegote pois, como bos burgueses, se consagraron ao designio de redimilo, pobriño. Con todo, tras, supoño, setenta ou oitenta anos de ter perpetrado ese argumento, coincido co venerable patrucio de Trasalba: Santiago (e outras cidades) son, dalgún xeito, grandes aldeas. E isto, ao meu xuízo, porque a inmensa achega rural que, ao longo dos anos, foi contribuíndo ao desenvolvemento de Vigo, Ourense, Coruña... nunca se amigou de todo con xeitos de vida urbanos que lle eran por completo alleos. Compostela ten rúas e barrios enteiros que son a xeito de extensións ou satélites de Trazo, Touro ou Val do Dubra. O cal tivo, creo eu, unha consecuencia mala: boa parte dese continxente demográfico movido ás cidades dende os eidos nativos desertou de modos de relación seculares, baseados na sabedoría froito dunha estreita relación coa natureza, e abriuse a moitas das peores trapisondas dunha existencia desnaturalizada en polígonos e extrarradios. Unha excrecencia de todo isto foi, precisamente, a emerxencia dunha nova magnitude: o rururbano, unha perversa mistificación de terreos rurais, dignos de mellor sorte, sobre os que se plantificaron destilados urbanísticos delirantes. Só en Galicia é posible contemplar un edificio de seis plantas chantado a carón dunha estrada comarcal no medio da nada.

    En fin, ao que ía, que, ben vostede sabe, eu prendo nunha silva. Outro xeito de entender o adxectivo rurubano é a, en boa medida irrespectuosa, penetración da vida urbana no medio rural. Si, acertou vostede. Estou pensando na proliferación de urbanizacións (pisos, chalés pareados ou acaroados) e tamén vivendas unifamiliares, que, coa chegada da ducha diaria e o estado do benestar, comezaron a orlar os concellos rurais do país. Comentábame amigo, usuario da máis intelixente retranca, que un seu veciño, médico na cidade, construíu no medio da aldea un casoplón, que protexeu de non se sabe que cun muro circundante de rexa cachotaría e tres metros de altura, práctica ignota nun medio humano, a aldea galega, que, en canto comunidade pechada pero aberta (non sei se me explico), probablemente sexa un dos mellores inventos de Occidente.

    Isto das urbanizacións na periferia rural das cidades, das que este menda é practicante, serviu (algo bo habían de ter), para os urbanitas de pura raza podérmonos achegar a marabillas virxilianas doutro xeito vedadas. Redescubrir as estacións; ver outonar os liquidámbares e bidueiros; aspirar o arrecendo do fume, branquísimo, espeso, aromático, do restrollo nos solpores de outubro; a luz dourada, as volutas esquivas da brétema por entre o mato... por tanto aloumiño, haberá que aceptar sen traumas sermos rururbanitas, sensibles invasores de luva branca.

    06 nov 2021 / 00:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.