Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sae ‘Carvalho Calero. As formas do compromiso’

Tributo da USC// O profesor Francisco Cidrás coordina a obra sobre un “sabio egrexio”

Creador literario, crítico e historiador da literatura, gramático e lingüista; mais tamén planificador da lingua, sempre preocupado pola estandarización do galego; estas son algunhas das facianas do “traballador infatigable” Ricardo Carvalho Calero.

Así o definiu onte o profesor Francisco Cidrás, coordinador da obra Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso, cuxa presentación centrou o acto institucional do Día das Letras Galegas 2020 e co que a institución compostelá rendeu tributo ao seu primeiro titular da Cátedra de Lingüística e Literatura Galega.

A sesión presidida polo reitor Antonio López e que non puido celebrarse con anterioridade por mor das restricións sanitarias derivadas da pandemia, contou tamén co relatorio O Carvalho de cen ponlas, no que a profesora da Facultade de Humanidades, Carmen Blanco, definiu ó profesor Carvalho como “un sabio egrexio do século XX imposible de coñecer dende posicións dogmáticas e reducionistas”.

O reitor Antonio López salientou o “compromiso co país, coa cultura e coa súa lingua” de Carvalho Calero, definindo a sesión institucional de onte como un “acto de xustiza” para homenaxear a esta figura “sobranceira” cunha “sólida traxectoria en poesía, narrativa e teatro, mais tamén destacada no eido académico como profesor distinguido e colega co que a universidade tivo o privilexio de contar”. Entre os seus agradecementos, o reitor quixo distinguir a asistencia ao acto de María Victoria Carvalho, filla do homenaxeado.

Pola súa parte, o profesor Cidrás subliñou que o volume editado pola USC co gallo do Día das Letras Galegas 2020, salienta a figura do “Carvalho cívico, aquel ao que nada relacionado con Galiza e co galego o deixaba indiferente nin lle resultaba alleo”.

A obra que recolle contribucións significativas sobre a figura poliédrica que conformaba o profesor Carvalho, atópase estruturada en tres partes. A primeira atende as facetas do compromiso vital do creador situadas máis á marxe dos seus quefaceres filolóxicos, nomeadamente a súa actividade política e pedagóxica ou docente, que son obxecto de análise nas contribucións de Justo Beramendi, Araceli Herrero e Aurora Marco.

Na segunda parte abórdanse as angueiras literarias do profesor. A súa actividade creadora é estudada nas contribucións de Xosé Mª Dobarro, Carlos Quiroga e Darío Villanueva. Pola súa vez as contribucións de Arturo Casas, Manuel Ferreiro e José Luís Forneiro centran a súa atención na obra de Carvalho como historiador da literatura e como crítico literario. Na terceira parte, rematan o volume cinco achegas que analizan a obra e o ideario lingüístico de Carvalho Calero, tanto nos aspectos máis propiamente gramaticais como nos vinculados ao seu posicionamento perante o modelo de lingua. Trátase das contribucións de Francisco Dubert, Martinho Montero Santalha, Pilar García Negro, Henrique Monteagudo e, pechando o volume, a de José Luís Rodríguez, principal discípulo do profesor ferrolán.

No seu relatorio, a profesora Carmen Blanco, antiga alumna de Carvalho, puxo o foco na contribución do autor á historia e á crítica da literatura galega no panorama da literatura xeral e comparada a cal definiu como “unha aportación científica fundamental”. “A súa traxectoria creativa testemuña unha vocación na que conviven a escrita íntima e a escrita para a publicación, ditada por diversas necesidades ou compromisos colectivos. Obra de conxunto ecléctica, clásica e de vangarda simbiótica”.

16 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito