Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ESPECTÁCULOS

Salvador Sobral, Alberto San Juan e Chévere na cultura segura de Ferrol

Segundo o concello, o Jofre e o Auditorio serán os espazos máis protexidos da cidade // “Nas festas, non houbo un só contaxio”

Ferrol volve a presumir de cultura segura e festas tranquilas. E con esa intención de provocar emocións positivas nos veciños, o concello presenta a programación deste trimestre. O teatro Jofre, o Auditorio de Caranza e o centro Torrente Ballester abriranse como “os espazos máis seguros da cidade, grazas ás medidas de prevención ante o coronavirus”. E por alí pasarán desde o famosísimo músico portugués Salvador Sobral, ata a representación sobre a eutanasia Celebraré mi muerte (producida por Jordi Évole e dixida por Alberto San Juan). Tamén haberá danza e espectáculos infantís. Segundo o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, “quixemos facer un gran esforzo por un sector que o pasa mal, e tamén devolver a ilusión aos veciños”. De paso recalca que nas últimas festas de agosto, “non houbo un só contaxio”.

Este programa exténdese desde o 18 de setembro, co espectáculo Curva España de Chévere Teatro, ata o 19 de decembro con Macbeth. O ruido e a furia de Estudo Momento. Salvador Sobral, recoñecidísimo desde o seu triunfo en Eurovisión 2017 con Amar pelos Dois e co seu novo disco Lisboa Texas, actuará o 24 de outubro no Auditorio de Caranza. E o 21 de novembro poderá verse Celebraré mi muerte no Jofre.

Á venda xa están as entradas para esa Curva España, o espectáculo Leira da compañía Nova Galega de Danza (26 de setembro), un concerto con De Vacas no seu Tour Bacanal 2020 (3 de outubro) e a surrealista historia The Primitals Bros coa compañía Yllana (10 de outubro).

Ademáis haberá citas coa Orquesta Sinfónica de Galicia (8 de otubro, con menos músicos para cumprir os requisitos de prevención ante a Covid), os contacontos do Torrente Ballester, o humor de Enrique San Francisco (8 de novembro), o excéntrico folklore asturiano de Rodrigo Cuevas (14 de novembro), os títeres de adultos de Jordi Bertrán (27 de novembro), un musical sobre Queen de Yllana (We Love Queen o 28 de novembro), e o teatro Bucanero de Narón coa súa Puta Realidade (4 de decembro). A programación ao completo, coas datas e a venda de entradas, está lista na nova páxina web Axenda Cultural Ferrol.

En total, serán 24 espectáculos: entre eles tres premios Max, un Premio Nacional de Teatro e varias recomendacións da Rede Española de Teatros. Non se chegará ao 75% de aforo permitido, nos eventos xestionados por Ataquilla. No Jofre hai unha capacidade de 552 prazas pero ocuparanse só 303. E no Auditorio a capacidade total é de 880 butacas, das que só se repartirán 414. Para o resto das citas, e mentras así o permita a pandemia, traballarase coa figura do aforado intelixente. Segundo explicou Golpe, consiste en que “unha vez se faga o pago das butacas reservadas, o sistema electrónico bloquea de forma automática os asentos lindeiros co fin de garantir as distancias de seguridade”.

Recorda o concelleiro de Cultura que “este sector foi o primeiro en desactivarse coa pandemia e o último en incorporarse, por iso hai que protexelo”. Admite que “houbo certa controversia porque decidimos celebrar as festas, pero non podemos esquecer a un sector moi maltratado”. E insiste en que “non hai que ter medo a ir ao teatro xa que garantimos a máxima seguridade, será máis seguro que tomar unha cervexa nunha terraza... e non houbo un rastreo que levara a un só contaxio nas festas”.

15 sep 2020 / 17:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.