Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Salvar o Nadal

    segundo non sei que enquisa, unha alta porcentaxe dos adolescentes españois de hoxe non saben situar cronoloxicamente a Francisco Franco, mesmo apoñéndoo ao século XIX. Que os construtores do futuro deste país non saiban nada de Franco (o cal, ben pensado, non está nada mal porque pouco é o que perden), non é atranco, por certo, para que os políticos (da esquerda e da dereita) nolo estean lembrando arreo, con milongas varias (memoria histórica, Meirás, Val dos Caídos, fundacións...).

    Teño para min que ese grao de, non vou dicir incultura nin ignorancia, digamos, desinformación dos nosos mozos esténdese a outras facianas da vida, que, por regra xeral, damos por supostas. Eu creo que posta en enquisa a pregunta de que é exactamente o que se celebra en Nadal, nunha banda de idade supoñamos entre 14 e 20 anos, en predición optimista (e fóra os rapaces con formación relixiosa), talvez un corenta por cento dos rapaces dirían: es algo rollo Jesucristo ¿no? En plan el belén, los reyes magos y una movida de una estrella, creo. Esta desinformación característica dos mozos de hoxe en cuestións tradicionais débese, en boa parte, á acusada colonización cultural que chega en forma de tendencias de latitudes anglosaxonas e nomeadamente americanas, que, en culturas con pés de lama, como a nosa, se acollen como marchamo de modernidade, en contraste cos costumes patrios, rancios, demodés e viejunos.

    Papá Noel, Halloween, truco ou trato, e por aí representan, fronte a María e Xosé coa vaca e o burro, os Reis Magos, a misa do galo, a noite de defuntos ou xogar ao trompo, un rollo máis laico, cosmo, diver e molón, que non tanto santo, tanto crego e tanta misa. Se a isto sumamos que o capitalismo, que é unha das cousas máis voraces e insaciables que existen, conseguiu facer do Nadal o pico máximo anual dese invento chamado consumismo, comprenderá vostede as razóns que me levan a abominar do Nadal.

    Resúmese todo en consumir ata a extenuación celebrando un acontecemento que para as tres cuartas partes da poboación non representa nada nin significa máis que erguer a veda do consumo compulsivo, dos atracóns, dos excesos e dunha absurda harmonía universal, inspirada na intoxicación etílica, a noite de San Silvestre.

    Diante deste panorama, que tanto preocupa a grandes almacéns e multinacionais, o espectáculo de centos de infelices no peirao de Arguineguín, de pel escura e ollar perdido, provistos de máscaras roñosas e dun futuro aínda máis roñoso, ou os devastadores efectos dos furacáns en Centroamérica, que, en países de seu castigados pola pobreza, están troquelando o novo concepto de inmigrantes climáticos, provócame un noxo irresistible á expresión, tan de moda ultimamente, salvar o Nadal.

    Que lle dean bertorella ao Nadal.

    12 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.