Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A vila pontevedresa celebra a LXII edición dunha Festa de Interese Turístico // Os asistentes poderán degustar os caldos locais e desfrutar de boa música galega TEXTO Brais Fdez.

Salvaterra de Miño honra os seus viños do Condado

Os viños do Condado volverán a ser os protagonistas da despedida do mes de agosto en Salvaterra de Miño. Como é tradición, os caldos da zona serán exaltados na vila pontevedresa nesta última fin de semana de agosto, nunha festa que cumpre a súa sesaxésimo segunda edición e que está catalogada como de Interese Turístico de Galicia.

Dende hoxe e ata o domingo, os visitantes poderán degustar os exquisitos viños que se cultivan neste territorio, nos diferentes postos que se colocarán no interior da muralla, os cales se acompañarán de outros produtos gastronómicos típicos da zona.

Durante o transcurso das tres xornadas, no Museo da Ciencia do Viño, desenvolverase o Túnel do Viño, unha experiencia a través do cultivo das vides que se poderá visitar en catro quendas (o domingo só nas dúas primeiras): das 11.00 ás 12.30, das 12.45 ás 14.15, das 18.00 ás 19.30 e das 19.45 ás 21.15 horas. O prezo da entrada é de 15 euros.

A maiores, tamén ao longo dos tres días de festexos, poderanse visitar, previa reserva, ata seis adegas que participan na celebración, nun percorrido por elas que contará con degustación e que ten un prezo de quince euros. Destaca, por exemplo, a presenza das Bodegas Fillaboa (info@bodegasfillaboa.masaveu.com), unha das máis características da zona e cuns albariños de excelente calidade.

Do mesmo xeito, un total de catorce bodegas participantes levarán a cabo na Casa do Viño as catas comentadas, dirixidas polas propias adegas, con acceso gratuíto para os interesados. Estas comezarán o venres e continuarán ata o mediodía do domingo: pola seguinte orde, hoxé irá Bodegas As Laxas, 11.00; Abadía de Tortoreos, 12.00; Pazo As Barreiras, 13.00; Compañía de Vinos Tricó, 18.00; Señorío de Rubiós, 19.00; Adega María Bargiela, 20.00; e Bodega Marqués de Vizhoja, 21.00; mañá sábado Bodega La Val, 18.00; Bodegas Fillaboa, 19.00; Bodegas Viña Nora, 20.00; e Pazo Pegullal, 21.00; e o domingo Viñas e Adegas Galegas, 11.00; Pazos de Lusco, 12.00; e Eidosela, 13.00.

A data de mañá está reservada tamén para a tradicional Cata á Procura dos Viños Deliciosos do Ano, un evento que se levará a cabo no recinto amurallado a porta pechada, por mor das restricións derivadas da pandemia da covid-19.

Por outra banda, a gastronomía irá acompañada de boa música galega, polo que as noites estarán ambientadas cos concertos (todos comezarán ás 22.30 horas) de Banda Crebinsky, hoxe; de Susana Seivane, mañá; e de A Roda, o domingo. Todos eles serán de balde para os asistentes.

Para desfrutar das actuacións, seguirase un exhaustivo protocolo covid, con aforo limitado, distancia de seguridade, uso obrigatorio de máscara e desinfección de mans. Ademais, pídese chegar cunha hora de antelación para aplicar as medidas de seguridade e hixiene.

27 ago 2021 / 00:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.