Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Santa Mariña das Augas Santas. O Castro da Cibdá de Armea

Por terras alaricanas, na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas, hai unha breve ruta (de apenas 3 km) onde a maxia, o misterio e as lendas únense dun xeito admirable.

Allariz é un pobo con moito encanto...e moita historia. Foi capital do reino de Galicia. Aí viviu de cativo Alfonso X o Sabio. No seu casco histórico pódense ver igrexas (varias románicas e unha barroca) así como o Mosteiro de Santa Clara(do que se iniciou a súa construción no século XIII, por orde da raíña Violante de Aragón, muller de Alfonso X) co seu museo de Arte Sacro onde se atopa a Virxe Abrideira, unha das máis fermosas tallas en marfil da Virxe. A zona vella de Allariz foi declarada conxunto histórico artístico (1971) e pola súa rehabilitación a partir dos anos 80, Premio Europeo de Urbanismo no ano 1994.

O percorrido que une a igrexa de Santa Mariña ata o castro, é toda unha oda ao sosego, á lenda, á historia de fai centos de anos. Esa ruta é parte dun ramal da antiga Vía XVIII romana(que ía dende Braga a Astorga) e tamén dende a Idade Media foi o ramal sur da Vía da Prata do Camiño de Santiago.

A igrexa de Santa Mariña de Augas Santas é un fermoso exemplo de arte románico con aportacións góticas. Tivo o seu momento de decadencia e posteriormente esplendor na época de Felipe II. Foi declarada Monumento Histórico Artístico no ano 1931 e Monumento Nacional (1963).

Conta a lenda (posiblemente iniciada cara o século XI) que, no século II da nosa era, un pretor romano tentou facerlle as beiras a unha pastora chamada Mariña. Como Mariña non correspondeu a ese amor, foi martirizada pero milagrosamente, ao pouco tempo, curaba tempo das súas doenzas. Finalmente decidiron cortarlle a cabeza. Ao rebotar no chan, orixinou tres fontes que, segundo a tradición, “curan enfermidades e malos espíritos”.

Iniciada a ruta, atoparemos a Arbore da Santa, na que, a súa sombra, Martiña descansaba e tecía mentres atendía o rabaño. Moi cerca podemos contemplar a Basílica da Ascensión, de finais do século XIII. Está incompleta (descoñécese os motivos exactos, aínda que algunhas opinións explican a causa pola desaparición dos templarios do lugar). No subsolo existe unha cripta (posiblemente un forno prerromano, de carácter termal, ligado ao veciño castro de Armea). Segundo a lenda, aí atópase o Forno da Santa. Un pouco máis adiante, podemos contemplar as Pioucas da Santa, escavacións rectangulares en pedra onde Mariña bañouse despois do intento por queimala. Esas Pioucas, segundo os estudosos, serían un Torcularium (almazara romana do século I d .C. para a produción de aceite de oliva).

Chegamos a Armea un fermoso exemplo de cidade castrexa – romana; un verdadeiro tesouro agochado do que se comezou a ter noticias no ano 1957, retomándose as escavacións no 2011. A datación do castro corresponde aos séculos IV / III a. C, pero estivo habitado ata a século IV d. C. Nos restos da vila romanizada existen rúas pavimentadas, rede de saneamento, canais de evacuación de auga, pórticos...A extensión da recinto castrexo é dunhas 4,8hc. cunhas dimensións de 357m no eixo N – S e 169m no eixo L – O. De planta ovalada, as súas murallas posúen unha altura de 4/5m e unha anchura nalgúns puntos de ata 3m.

Entre os restos indíxenas, atopáronse pedras de forma circular decoradas con esvásticas, cerámicas lisas e decoradas, cravos de ferro, dúas estatuas de guerreiros galaicos...E entre os restos de orixe romano, fragmentos de cerámica sigillata, vidros, capiteis e bases de columnas, denarios, un pequeno raspador de cuarcita cun guerreiro galaico petrografiado. Descubríronse tamén tres domus (coa súa estrutura orixinal, divididas en varias estancias): a de Hexascele, a da Roseta e a da Triscele, chamadas así polas pedras atopadas con motivos decorativos. Armea semella foi unha pequena cidade asentada nunha zona rural.

Un pouco máis adiante, atopamos o Monte do Señoriño, descuberto casualmente no 2011 por un veciño do lugar. A meirande parte do xacemento segue baixo terra, pero podemos apreciar un conxunto de escaleiras distribuídas en terrazas e canais labrados nas pedras. No bancal máis elevado sitúase unha cociña e nas proximidades unha forxa de ferreiro. Algúns estudos apuntan que podería tratarse dunha instalación anexa ao castro de Armea, unha vivenda para levar a cabo tarefas administrativas e incluso de control viario.

02 ene 2023 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.