Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sentida homenaxe do Parlamento a Rosalía de Castro

A Cámara autonómica conta desde onte coa puga dunha figueira centenaria da casa-museo

Representantes de distintas institucións públicas participaron onte nun acto conmemorativo organizado con motivo do Día de Rosalía, que este ano consistiu na plantación dunha puga da figueira centenaria de casa-museo da poeta no xardín do Parlamento.

No acto participaron os presidentes do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, entre outras autoridades.

“Galicia é Rosaliana porque Rosalía deunos a coñecer a nosa terra, a importancia da nosa xente e a relevancia de ter unha cultura e un idioma propios. A súa obra foi a semente do frondoso bosque que é a nosa linguaxe”, declarou Feijóo no seu discurso, no que lembrou que a escritora entendeu “que a nosa linguaxe non nos encerra nin limita, senón que “nos proxecta” e, a través del, “podemos construír unha identidade aberta que non coñece fronteiras”.

“Rosalía de Castro demostrou que hai xestos que non se constrúen sobre o poder político ou militar, senón sobre o sempre insondable poder da palabra”, destacou o líder da Xunta, que manifestou que Galicia é un pobo de “palabras” grazas a que “en tempos escuros para o galego Rosalía conformou unha obra de raíces profundas, de calidade indiscutible e que é universal”.

Ademais, na súa intervención destacou á poeta e escritora como “a nai fundadora da literatura galega contemporánea” e “unha valedora do galego como lingua de cultura”.

Doutra banda, Anxo Angueira asegurou que dado os tempos difíciles que vivimos “é necesario máis que nunca celebrar a Rosalía na rúa, na escola, no traballo e na casa e tamén nas institucións”, informa Efe.

“No medio destas circunstancias tan adversas, ela, que desde logo tamén as viviu, sinalounos o camiño. Na súa casa sempre arde e arderá un lume na que todos podemos quentarnos”, declarou o presidente da fundación.

Angueira quixo lembrar o “apoio entusiasta” que esta iniciativa veu recibindo desde a hostalería, un sector “castigado” pola pandemia, así como o sector cultural.

Para Angueira detrás da poeta está “a orixe humilde” do pobo galego: “Están todas as mulleres e nais que ao longo da nosa historia, con practicamente nada nos deron todo. Nos reconfortaron e fixéronnos felices. É o exemplo da épica doméstica e invisible”, declarou.

Pola súa banda, Rosario Álvarez, manifestou que Galicia ten motivos para celebrar a Rosalía “todos os días do ano”, para lembrar cantando, día tras día, “as moitas Rosalías que se concentran nunha soa”. “Todas e todos nos atopamos e recoñecémonos nalgunhas desas moitas rosalías”, afirmou Álvarez, que sinalou que mentres uns ven representados en “a Rosalía melancólica, cantora dos espazos vitais que nos conmoven” outras ven en “a Rosalía que se rebela, que clama indignada pola xustiza”.

Para Álvarez a figueira, “símbolo da eternidade que é sempre capaz de reproducirse e seguir en pé” representa a “resistencia e supervivencia”, do mesmo xeito que Rosalía, que ben pode ser “o símbolo perdurable da Galicia dos tempos de covid que non se vende, que loita por un futuro colectivo e pola súa identidade, lingua e cultura”.

Por último, o presidente do Parlamento de Galicia asegurou que aínda que non é “frecuente” que se planten árbores no Parlamento, este acto representa un acto “singular” porque con el dáse testemuño do “inquebrantable compromiso rosaliano do Parlamento de Galicia” e de todos os que forman parte do mesmo “onte, hoxe e mañá”.

Tras os seus discursos, Angueira, Álvarez, Santalices e o propio Feijóo plantaron xuntos a pequena figueira nos exteriores do xardín do Parlamento, momento tras o cal o gaiteiro Olimpio Giráldez interpretou a composición A alborada, que deu fin ao acto conmemorativo.

Rodríguez destaca a capacidade para aglutinar un país e un pobo
O alcalde compostelán asegura que a escritora está máis viva e de actualidade que nunca

Santiago. Santiago tamén acolleu unha ofrenda floral na Praza de Vigo, emprazamento no que estivo situada a casa na que naceu a escritora hai xa 184 anos.

Alí, o consellerio de Cultura, Román Rodríguez, os rexedores de Compostela e Padrón e o propio Anxo Angueira, ademais doutros cargos, depositaron unha coroa floral, recitaron textos e escoitaron a clásica interpretación da Alborada.

Román Rodríguez destacou á capacidade da figura de Rosalía para “aglutinar a un país e a un pobo”, como “elemento vertebral” que todos os galegos honran e recoñecen mentres “se identifican co seu traballo” e “o seu legado”.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, resaltou que Rosalía representa “un fenómeno extraordinario” no seu tempo como parte dun grupo de mulleres galegas que destacaron a nivel internacional e foron “referentes”. “Rosalía está máis viva e máis de actualidade que nunca”, resolveu.

E Xosé Manuel Durán de Raigame, dixo que iniciou os trámites para solicitar o cambio de nome desa praza pola de Rosalía de Castro. e. press

25 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.