Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Entrevistamos a Jesús Cudeiro, psicólogo xeral sanitario, que xunto ao seu compañeiro Daniel Cortizo acaba de publicar unha guía con información e consellos sobre a depresión

“Só en Galicia estímase que o 53% das consultas de atención primaria son derivadas de problemas de saúde mental”

“A pesar de que os trastornos depresivos en teoría sexan máis propios das mulleres, os homes suicídanse moito máis, isto explícase xustamente polos mecanismos de afrontamento”

Os profesionáis de Clínica Balión, no seu afán de achegar axuda psicolóxica máis asequible á xente que non pode permitirse acudir a terapia, tras os bos resultados de "Los secretos de la ansiedad" estrenan un novo libro "Más allá de la tristeza: Depresión". Esta clínica consta dun gabinete de psicoloxía interdisciplinar en Santiago de Compostela que se especializa en Trastornos de Ansiedade, Depresión, Trastornos da Conducta Alimentaria e Trastorno Obsesivo Compulsivo (TOC). Nela traballan Jesús Cudeiro, psicólogo xeral sanitario; Daniel Cortizo, psicólogo do deporte, e Borja Alsina, educador físico.

“Só en Galicia estímase que o 53% das consultas de atención primaria son derivadas de problemas de saúde mental”

Falamos con Jesús Cudeiro.

En que consiste a interdisciplinariedade da vosa clínica?

Pois consideramos que é moi útil para determinados trastornos, por exemplo está demostrado que o tratamento máis potente para os trastornos depresivos leves ou moderados é a terapia de exercicio físico. Porque curiosamente é capaz de actuar no único núcleo de neuronas das que depende o estado do ánimo. Na ansiedade tamén é terapéutico e está demostrado. Pero non só a empregaremos nestes casos nos que o principal é a terapia psicolóxica, senón tamén nos casos contrarios, por exemplo, xente que ten un ataque cardíaco e necesita rehabilitación fisica principalmente pero lle vén ben complementar coa psicolóxica para cambiar os seus hábitos, ambos tipos de terapia compleméntanse moi ben.

De momento temos casos de ansiedade nos que xuntamos terapia psicolóxica con física, de feito o mellor é integrar, e mentres están facendo exercicio físico pídolles que fagan tarefas a nivel psicolóxico. Os retos futuros son incluso incluír nutricionistas, fisioterapeutas...

Cóntame un pouco dos vosos libros “Los secretos de la ansiedad” e “Más allá de la tristeza: Depresión”

Pois eu son investigador sobre ansiedade e o meu compañeiro sobre depresión actualmente para o doutorado. A nosa idea principal é tratar de achegarlle axuda sobre todo á xente que por cuestións económicas non pode permitirse acudir a terapia, xa que ademáis na sanidade pública os psicólogos están saturados. A raíz disto e vendo que no confinamento e post-confinamento había moita xente que nos pedía axuda xa fose por medo a salir á rúa, ou por que estaban sufrindo ataques de pánico en casa así como outros problemas similares derivados da pandemia, lanzamos “Los secretos de la ansiedad” en xullo. Este primeiro libro é unha guía dunhas 100 páxinas sobre todo o que unha persona pode saber sobre ansiedade e pequenos trucos, que por suposto nunca substitúen unha intervención psicolóxica dun profesional, pero recopila cousas que cada un pode facer por si mesmo. É unha guía práctica de cómo afrontar certas situacións que teñen que ver coa ansiedade, que é a ansiedade, cales son as diferencias entre medo, ansiedade, e o trastorno de ansiedade, como valora un profesional os niveis de ansiedade a través de varias escalas... Todo isto contando con casos reais. Na campaña de outubro polo día da saúde mental o comprou bastante xente.

O libro máis recente “Más allá de la tristeza: Depresión” que sacamos hai uns días, ten o mesmo fin. Agora mesmo no mundo hai máis de 300 millóns de personas diagnosticadas con depresión, na pandemia os niveis de suicidio disparáronse e temos un capítulo enteiro dedicado ó suicidio, por que se produce, que facer se tes ideas suicidas, ou se coñeces a alguen que as ten, etc.

Neste libro somos moi críticos, xa que coa depresión pasa unha cousa moi curiosa, aparte de ser o trastorno máis diagnosticado do mundo, é tamen a primeira causa de baixa laboral no mundo. Isto non se debe a que a depresión per se sexa moi grave, se non á forma na que se afronta. A xente deprímese case sempre por algún estímulo externo, algo que lle provoca unha gran tristeza, fracaso académico, laboral, problemas amorosos... Tratamos de poñer isto moi de manifesto no libro, xa que é algo que se está deixando de lado na depresión, e o feito de considerala como unha enfermidade que aparece soa sen ningún motivo lle quita toda a parte humana. A xente cando acode a terapia axúdalle moito ver que os seus problemas se van solucionando, pero cal é o problema aquí? o modelo de actuación dentro dos trastornos depresivos na nosa sanidade pública é que o medico de cabeceira de primeiras che dea un antidepresivo, e os antidepresivos estase empezando a ver que non fan o que teñen que facer, senón que cronifican o trastorno por culpa dos efectos secundarios que producen.

Habitualmente, cando unha depresión non se trata, a medida que pasan os meses e se van superando ou solucionando as situacións que nun principio a provocaron, a depresión supérase. A premisa de que a depresión se ocasiona debido a unha falta de serotonina é falsa e está demostrado no mundo científico, e o que están mostrando os estudios é que en tratamentos a longo prazo ten o mesmo efecto un antidepresivo que un placebo. Iso si, non pretendo desprestixiar o uso de fármacos, hai estudos que proban que os principios antidepresivos si que teñen potencia pero que simplemente a perden co paso dos meses, o que critico é a psiquiatría máis tradicional, pero para algúns momentos e estando ben recetados, os fármacos son moi útiles. O problema é que pola falta de psicólogos na sanidade pública, recétanse con demasiada facilidade. O que se fai cos antidepresivos concretamente é presupor que a serotonina ten un papel fundamental no estado de ánimo das personas, cando isto é falso, aínda que si que cumpre una pequena función ó respecto, ten mais funcións, como poden ser baixar a temperatura corporal, regular o apetito, a líbido sexual... Os antidepresivos actúan sobre todos estes campos, e isto é o que provoca a maior parte dos efectos secundarios. Aínda que poidas notarte algo máis animado, poden provocar hiperactividade, o cal xustamente é un factor de risco para os suicidios; perdes o desexo sexual, o apetito, prodúcenche insomnio, co cal habitualmente acompáñase con ansiolíticos para poder durmir, despois estes ansiolíticos (benzodiacepinas) producen dependencia... Entón un problema que podería ser resolto sin necesidade de medicamentos remata por convertirse nun trastorno crónico.

Só en Galicia estímase que o 53% das consultas de atención primaria son derivadas de problemas de saúde mental. Inglaterra sería un exemplo a seguir: teñen un Ministerio da Soidade, xa que é sabido que este é un dos factores de risco para a depresión e o suicidio; recentemente ampliaron o número de psicólogos en atención primaria, e os cambios son enormemente visibles na tasa de suicidio. En España houbo intentos de melloras varias veces, pero hai lobbies de psiquiatras que non o permiten, hai que pensar que a dos psicofármacos é a segunda industria máis potente do mundo, e a cuarta droga máis consumida en España son os ansiolíticos.

Estades traballando nalgún outro proxecto actualmente?

Si! O seguinte proxecto que temos é máis ambicioso, ten que ver co tema de facer máis accesible esta información ou a terapia para a xente que ao mellor non o pode permitir económicamente. Consiste en traballar en cursos, aínda é un bosquexo pero a idea é facer cursos gratuitos para xente, dividíndoos en módulos temáticos duns 10 minutos cada un con pinceladas importantes, e despois para a xente que esté interesada nalgún curso en concreto, establecer uns precios por debaixo dunha terapia normal e ampliar o tempo a sesións dunha hora, por exemplo un curso de manexo da ansiedade. Aínda que non sexa o mesmo que a terapia personalizada, non deixa de ser algo moi útil e que pode axudar moito, e ademáis sería algo moito máis asequible, pois pensamos que é importante establecer mecanismos que respondan á realidade española, na que por un lado aumenta a incidencia de trastornos de saúde mental a niveis insospeitados debido ó confinamento, a crise etc, e por outro lado eso fai todavía máis inaccesible para a xente chegar a un psicólogo, que dependendo de donde vivas pode ir dende os 50 euros ata os 90 incluso.

Cal dirías que é ou son os trastornos máis habituáis na xente moza? E respecto disto, preséntanse diferenzas entre homes e mulleres?

Pois isto supoño que é no caso da nosa clínica, porque vendo as estadísticas non se mostran tantas diferenzas, pero o máis destacable quizais sexa que veñen máis hombres con trastornos de ansiedade fortes e crises de pánico, e as mulleres con máis depresión. Respecto dos trastornos alimenticios son agás algunha excepción todo mulleres. O máis común de todo son trastornos de ansiedade, que ademáis veñen incrementados pola situación da pandemia claro, por desgraza tamén bastantes casos de pensamentos suicidas en xente nova, máis mulleres neste caso tamén. Aquí gustaríame facer o matiz de que a psicoloxía é, en xeral, máis utilizada polas mulleres que polos homes, xa que por culpa dos mecanismos de socialización os homes tenden a deixar pasar máis as cousas, é dicir, unha muller pode acudir ó psicólogo cando se empeza a atopar mal ou está iniciando un trastorno, mentres os homes a non ser que estean moi graves ou lles dea un ataque de pánico e teña que pasar a ambulancia por eles non acoden, por iso penso que o sesgo vai máis por aí. De feito, hai un paradoxo respecto disto que poñemos de manifesto no noso libro, e é que, a pesar de que os trastornos depresivos en teoría sexan máis propios das mulleres, os homes suicídanse moito máis, isto explícase xustamente polos mecanismos de afrontamento: un home deprimido ao mellor non se mostra triste, se non irritable, e esta irritabilidade xa non está recollida no manual diagnóstico da depresión, esta irritabilidade lévao a episodios de agresividade que palian cun consumo de drogas, son tamén máis impulsivos e acaban suicidándose. Por isto estase empezando a investigar que posiblemente a depresión nos homes maniféstase de forma totalmente distinta que nas mulleres, e soamente está recollida a manifestación das mulleres nos manuais diagnósticos.

Hai algún tema que che pareza especialmente relevante respecto a saúde mental do que che gustaría falar?

Pois tal vez o tema suicidio. Dende outubro-novembro popularizouse bastante en instagram unha campaña de stop suicidios levada a cabo por Román Reyes, actor e director de cine, para a que se recolleron aproximadamente un millón de firmas, e presentóuselle ó ministro de Sanidad, pero como xa dixen, por culpa dos intereses de lobbies que hai en contra disto, non se puido levar a cabo.

No libro facemos tanto unha recollida histórica da percepción do suicidio, xa que isto ten máis influencia do que poderíamos pensar na actualidade, e facemos unha reflexión final na que concluímos nas dúas causas que fan que o suicidio sexa tan perigoso. A primeira é precisamente que se trate dun tema tabú, dende a antiga Grecia se trata de algo penalizado pola lei que desprestixia á persona, tomábase como unha traición contra o imperio. No cristianismo isto exacerbouse aínda máis porque se toma como un pecado (quitar unha vida) que vai contra Deus e contra os mandamentos. Ata finais do século XV, non se comenzou a asociar o suicido ao sufrimento humano e a falta de inclusión na sociedade, o primeiro autor que escribiu sobre este tema foi Robert Burton, no ano 1621. Ata a revolución francesa o suicidio seguiu penalizado por lei. Todo isto arrástrase ata a actualidade por suposto e fai que falar de suicidio siga sendo algo moi forte, o cal provoca que a persona que ten pensamentos suicidas tema á reacción do seu entorno e remate por non contalo. O feito de que ningúen fale de suicidio provoca que unha persona que se quere suicidar soamente llo conte ó seu psicólogo porque o resto da xente o rechaza ou o fai sentir culpable.

Despois no século XX chega o segundo problema, comenza a falarse do suicidio coma unha enfermidade. Hai un debate filosófico respecto das enfermedades, se son derivadas dun contexto ou se existen per se. Na saúde mental isto multiplícase, porque non parece que haxa ningún marcador biolóxico que diga “se vostede ten esta zona do cerebro así un pouco desprazada significa que vai ter depresión” non existe isto, e co suicidio igual. É algo que se mantivo en todos os contextos históricos, pero non hai ningún factor biolóxico ou xen que indique que x tipo de xente ten mais posibilidades de sucidarse. Incluso nas persoas que teñen pais ou familiares que se suicidan, non se demostrou ningunha correlación.

O feito de que haxa personas que consideren o suicidio simplemente como un sítnoma dalgun trastorno, como a depresión, implica reducir o problema a “tómese vostede isto”, cando o sufrimento humano é inherente á propia existencia. A decisión de suicidarse vai en contra do instinto de preservación da vida, que teóricamente é o que nos move ós seres humanos, e como di Thomas Joiner, o maior experto en suicidio actualmente, “para que unha persoa vaia en contra do seu instinto de preservación ten que estar pasando por un sufrimento insoportable”. O feito de ter unha enfermidade mental, como a esquizofrenia, non ten por que ser algo que aumente as probabilidades de suicidio per se, se non que o son as consecuencias derivadas de ter esa enfermidade ou trastorno, o feito de que esa persona sexa rexeitada polos seus amigos, familia, teña problemas laborais por culpa da enfermidade... Isto é o que realmente pode provocar un sufrimento que pode rematar no suicidio.

Cales son as motivacións e como foi o proceso de creación da vosa consulta?

O proxecto empezou hai dous anos, na unidade Venres clínicos onde eu investigo para o doutoramento e o meu compañeiro Dani facía prácticas de supervisión. A idea xurde porque a miña investigación -que aínda segue na actualidade- é sobre os efectos da calor na memoria cunha aplicación sobre os trastornos de ansiedade, en concreto o psico-compulsivo, e un dos estudos piloto deu moi bos resultados. Con isto descubrimos, aínda que non está 100% probado así que direino con cautela, que parece que a sauna ten o poder de diminuir as compulsións a través dun mecanismo de bloqueo na memoria, aínda que todavía hai que facer moita investigación.

Entón a idea que xurde e que comparto con Dani é facer unha clínica con saunas e demáis, pero como el aínda tiña que completar os seus estudos decidinme a abrir unha pequena consulta en Santiago en setembro de 2019, e ben, como en todo, ao principio a cousa foi bastante pouco a pouco.

Coa chegada da corentena decidimos afianzar o proxecto, uníronse Dani e Borja e creamos o que é actualmente a Clínica Balión. Primeiro enfocámonos en crear vías gratuítas, guías de acceso público sobre como afrontar a pandemia, o confinamento, que debe ou que non debe facer cada un... A partir disto foi todo rodado, chamounos moita xente que vira as guías, fixemos un grupo de Telegram de apoio totalmente gratuíto, en xuño abrimos o Instagram e comezamos a chegar a moita máis xente. En setembro de 2020 foi o noso maior boom, xa que volvemos a abrir presencialmente, de todos modos a parte online tamén nos vai moi ben e temos pacientes de moitos países diferentes.

$!“Só en Galicia estímase que o 53% das consultas de atención primaria son derivadas de problemas de saúde mental”
20 ene 2021 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.