Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tecor Societario volve aos escenarios facendo da tradicion galega unha ferramenta para o futuro

Tecor Societario é unha banda de música en galego de Santiago de Compostela. Pouco despois de sacar o seu último disco titulado “Caça Maior” e co fin das restricións volven a dar concertos, o primeiro este venres no centro social O Buril de Sarria. Isto é o que nos conta Xabi, o seu cantante.

Cando decidistes empezar como grupo? Por que o nome de Tecor Societario?

Pois mira, co grupo empezamos eu e mais o gaiteiro. É difícil dicir cando, pero así en serio polo ano 2017, aí empezamos a buscar outra xente e comezamos a ensaiar. Entón, cando a cousa se foi poñendo máis frecuente, máis seria, foi cando empezamos a practicar aquí ao lado, nunha parroquia de Compostela que se chama Berdía, no local dunha asociación de veciños, grazas a un amigo que temos alí, que foi quen nos conseguiu a sala.

Respecto ao nome pois foi un día de camiño a un ensaio, como compartiamos coche, nunha tormenta de ideas que soltas todas as tonterías que se che ocurren iamos mirando os sinais de tráfico e esas cousas. E logo, acendéuseme a bombilla e dixen, “eu teño unha amiga que se lle ocorreu un nome, tecor societario”, que tamén aparecía nos sinais por aí polos camiños indo ao local. Entón pregunteille se aínda seguía libre o nome e foi adiante.

Denominádesvos como un grupo de estilo Punk-Folk, tedes alguna banda de referencia ou que vos influenciase, tanto dentro do panorama galego como de fóra?

Si, ben, falando de bandas galegas que fixeran así o noso ´rollo` estaban xa Bastards on Parade, que son da Coruña, e tamén Falperrys, que facían este estilo aquí en Galicia antes de que empezaramos nós. Logo así nun sentido un pouco máis amplo, grupos que utilizasen instrumentos tradicionais, como poden ser RuxeRuxe ou os Diplomáticos de Monte alto. A verdade e que xa había bastante xente e sobre todo bastantes cancións tradicionais ou populares que quedaran ben adaptándoas ao Punk-Rock, pois a idea inicial da banda era versionar cancións tradicionais como a rumboia, o caneco, etc. O que pasa e que cando iamos facendo estas versións propias tamén ían saíndo cousas nosas, entón dixemos, xa que as temos vamos aproveitalas.

Por exemplo, saíu un documentario hai pouco dun grupo irlandés, no que fan unha reflexión moi interesante que reflicte ben o que nós buscamos. Que se queres facer música tradicional, está ben que coides esa tradición, pero tamén mantela viva, e que sea hoxe cando se segue facendo esa cultura, entendela non como algo fosilizado, senón seguir contribuindo para que non morra. Entender a tradición como ferramenta para o futuro e non como un elemento de museo.

Como pasastes a época do confinamento como grupo? Algunha vez nesta etapa pensastes en deixalo?

Non, nunca pensamos en abandoar o proxecto, tampouco é un traballo, é algo de ocio, como unha afición, entón nós en canto se puidese tiñamos pensado volver. Mesmo antes de poder xuntarnos todos de novo xa nos reuniamos eu e o gaiteiro para intentar sacar cousas novas e intentar manter un pouco a cousa viva. Pero claro, nós non sabiamos canto ía durar isto e xusto rematamos de gravar o disco antes do primeiro confinamento e tiñamos varios concertos programados que iamos facer, tanto para esas datas inmediatas como para o verán. Iso todo cancelouse e xusto ao principio do confinamento decidimos facer unha pequena presentación dun tema, que se chama “que se vaiam”, coa colaboración de varias persoas que nos mandaron pequenos anacos de videos cantando a canción dende as súas casas, nun primeiro momento isto pareceunos super orixinal pero foi algo que rematou facendo todo o mundo.

Van arredor de 4 meses dende que sacastes o último disco titulado “Caça Maior”,como foi a acollida deste novo álbum?

A verdade é que a nivel físico foi bastante mal, a xente xa non está acostumada a mercar CDs, este formato é algo que practicamente se perdeu, e foi case nula. Se falamos a nivel dixital, o primeiro vídeo tivo moita repercusión pero a partir de aí si que notamos un baixón bastante importante no número de reproducións. Ao final nós somos unha banda que vive dos concertos, dos directos que facemos. Para ter vida necesitamos tocar ao vivo, moitas bandas falan que agora co tema do mundo dixital funcionan moi ben, pero non sei, igual é que nós somos doutra xeración e non nos desenvolvemos ben nese ámbito, ou o que sexa. Tamén é que nas redes non te podes tomar vacacións, senón o algoritmo xa fai que non aparezas aí na primeira liña, entón agora que volvemos a estar máis activos e subir máis contido, pola nova xira que vamos a dar con Bule que son 9 concertos, si que notamos máis “feedback”.

Agora que volvedes aos concertos, como afrontades esta nova etapa?

Pois o certo é que con moitas ganas, temos varios concertos xa programados, o primeiro e último deste ano, que é o venres 17 en Sarria, tamén con Bule, e logo xa para o 2022 volvemos a Compostela, se non pasa nada malo, polo quinto aniversario do Bar Inferno, na sala Malatesta con Kaos Urbano e Rotten XIII.

Como che dixen contamos con que somos unha banda que vive dos directos, polo que esperamos que despois disto sigan saíndo novas datas e novos festivais. No mundo que vivimos agora, como dicimos nós, os influencers non toman vacacións polo que contamos que ao estar máis presentes, axuden a chamar a máis e sexa unha bola que siga crecendo de cara o verán ou os seguintes meses, e que a xira sexa algo que esperamos actualizar pronto.

17 dic 2021 / 11:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.