Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tempos de conservación de alimentos no frigorífico para evitar desperdicios

Anualmente son 175 kg de comida desperdiciada por habitante, co gran custo económico e ambiental que isto supón. De feito, precísanse 130 litros de auga ao día por persoa só para producir a comida que refugamos, coa particularidade de que o custo do desperdicio alimentario do planeta equivale ao PIB de Suíza.

Ante esta problemática, Sogama lanza a campaña “A túa comida ten algo que dicirche”, na que está incluída unha guía de conservación de alimentos no frigorífico, para que coñezamos que alimentos podemos reutilizar e cales debemos non consumir dependendo do tempo que leven no fogar.

1. O polo, pavo e derivados non deben estar no frigorífico máis de dous días. Deben conservarse nun envase pechado para evitar contaminacións.

2. A carne picada, salchichas ou carne xa cortada debe consumirse entre 24 e 48 horas. Os filetes e cortes para asar poden conservarse ata cinco días.

3. As conservas deben retirarse da lata e ser gardadas en envases pechados.

4. Os embutidos cocidos precisan ser conservados no frigorífico arredor dos 5º e ser consumidos antes de catro días. Os embutidos curados, se son de peza completa, deben ser colgados nun espazo escuro, fresco, seco e ventilado; se están cortados deben de conservarse no frigorífico ben tapados e deixalos a temperatura ambiente antes de ser consumidos.

5. Os ovos crus teñen impresa unha data de consumo preferente e poden estar no frigorífico entre cinco e seis semanas. Os ovos cociñados deben ser consumidos á maior brevidade, sempre antes de tres días.

6. O peixe branco pode estar no frigorífico ata tres días. O peixe graxo debe ser consumido antes de 48 horas. En ambos casos debe ser conservado no estante inferior do frigorífico, que é o máis frío, nun recipiente pechado para evitar contaminacións.

7. O queixo fresco debe conservarse no caixón específico do frigorífico para manter a súa temperatura e propiedades. Os queixos brandos deberán consumirse en tres semanas; os queixos curados teñen un tempo de consumo superior, ata varios meses.

8. Os restos de comidas elaboradas con anterioridade poden resistir no frigorífico ata dous ou tres días despois da súa elaboración, sempre que se conserven en envases correctamente pechados.

9. As froitas e as verduras deben ser conservadas por separado e nos caixóns menos fríos do frigorífico, un máximo de catro ou cinco días.

14 sep 2021 / 18:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito