Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tomás Rivera achéganos as pegadas do lenxedario Oeste americano

Despois de nove anos de edición de fantasía adulta e, tras a exitosa acollida dunha campaña de micromecenado, a Editora Contos Estraños vén de sacar á luz o primeiro libro da colección A Miña Primeira Novela. Trátase da primeira obra dunha serie de novelas ilustradas de xénero fantástico e de aventuras dirixidas aos lectores e lectoras de once anos en diante.

O obxectivo da colección é que cada novela aborde un xénero específico para presentarlle ao público infantil e xuvenil as súas características definitorias. Con este ambicioso obxectivo, chega aos andeis das librarías Pegadas de búfalo, A miña primeira novela do Salvaxe Oeste, da man do autor Tomás Rivera (A Coruña, 1977).

Esta novela presenta a historia da cativa Sarah Parsons que, xunto coa súa familia, vai iniciar unha nova vida na cidade de Oakville, en Montana. A través das vivencias da protagonista, achegarémonos a este perigoso territorio occidental dos Estados Unidos, nunha época marcada pola ameaza permanente dos indios, así coma dos bandidos e estafadores que burlan a lei. Desde o principio da historia a cabalaría e mais os pobos nativos americanos van estar presentes. Tampouco faltarán en Oakville nin os duelos entre maleantes, nin as liortas de taberna, nin o sheriff para poñer orde. Pero o mundo de Sarah cambia por completo cando a súa granxa é asaltada e ela é secuestrada. Entón, coñecerá o valente e indómito Búfalo Choutón, un raparigo indio que lle presentará a súa realidade, oposta e irreconciliable coa de Sarah, pero máis pacífica e razoable do que todos cren. Xuntos, os dous rapaces terán que arriscar as súas vidas para desenmascarar e deter os atacantes da granxa, axudados, por suposto, polos cidadáns e cidadás honrados de Oakville.

Acompañando os momentos máis relevantes da historia, aparecen as exquisitas ilustracións de Iago Torres, en branco e negro, que artellan unha completa panorámica do Salvaxe Oeste. Ademais, a novidade desta novela é a inclusión dunha rica serie de fichas didácticas e interactivas que, a través de ilustracións e códigos QR, fornecerán os lectores máis curiosos de diversos datos sobre o Salvaxe Oeste.

Outorgándolle á lectura o carácter intermedial e dinámico do mundo dixital, coas fichas saberemos máis dos síux, as squaw, o telégrafo, o saloon, o square dance ou mesmo de Touro Sentado e do Tío Sam. En definitiva, Tomás Rivera ofrécenos unha excelente oportunidade para gozar e aprender co western.

m.fboo@udc.es

09 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito