Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Xosé Ramón Fandiño. Escritor e editor

“Traballar con Isaac Díaz Pardo era moi estimulante, implicábase ata acadar a excelencia”

Para vostede, que foi un colaborador moi estreito de Isaac Díaz Pardo, que significado ten a súa figura?

Para min foi un privilexio ser colaborador de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego de Información, a factoría cultural do Grupo Sargadelos. Isaac é un personaxe irrepetible, dotado dunha inmensa aptitude intelectual e creativa e dunha enorme capacidade de traballo.

Como era traballar con el? Pode recordar algunha anécdota?

Traballar con el era moi estimulante. Perfeccionista coa calidade dos traballos a realizar, aínda que fosen encargos que nos facía, implicábase neles ata acadar a excelencia. Eramos, como el dicía, compañeiros de traballo.

Cun concepto de vida totalmente espartana, a finais da década dos 80 establecu no Instituto Galego de Información (IGI), en San Marcos, a súa oficina máis estable e a súa residencia habitual durante máis de 20 anos. Quería facer do IGI o Instituto de Investigación e Deseño co que o Laboratorio de Formas completaba as tres frontes ideadas por Seoane e Díaz Pardo -arte, industria e comunicación. Para o ideario do IGI, o importante era apoiar todo tipo de información e comunicación para servir a Galicia e as causas xustas. E Isaac traballaba e vivía no IGI porque como motor desa idea e piloto da nave, consideraba que tiña que estar permanentemente a pé de obra.

Que pisada deixou en Galicia?

O máis destacado do seu legado son as causas xustas que defendeu incansablemente, a loita pola dignidade das vítimas da Guerra Civil e dos exiliados e o sentido ético que lle imprimiu as empresas que creou, afastadas de calquera tentación especulativa. A interminable relación de emprendementos que se sucederon a partir dos anos sesenta no Castro, en Sargadelos e nas Galerías espalladas por Galicia, fainos pensar que sendo privadas, as empresas creadas por Isaac funcionaron con criterios de empresa pública orientada a fins socioculturais colectivos.

“Traballar con Isaac Díaz Pardo era moi estimulante, implicábase ata acadar a excelencia”

Con Memoria do compromiso (editada polo Concello de Santiago), podemos coñecer ben todas as facetas do galeguista?

Este libro é o resultado final de traballos previos que me induciron a afrontar a biografía completa e posiblemente definitiva de Isaac.

O título do libro está suxerido pola lealdade inquebrantable que Isaac lle profesou durante toda a súa vida ás utopías republicanas e galeguistas nas que se educou e coas que pretendían cambiar a realidade social e económica de Galicia.

O libro está dividido en 7 capítulos que van esmiuzando as diversas etapas da súa vida. Máis que unha biografía cronolóxica é unha biografía temática na que se aborda a evolución vital e ideolóxica de Isaac.

En primeiro lugar, a súa infancia e adolescencia na santiaguesa rúa das Hortas, onde seu pai, Camilo Díaz Baliño, establecera o taller de escenografía, que, ao mesmo tempo, servía de punto de encontro dos galeguistas das Irmandades da Fala, Partido Galeguista e Seminario de Estudos Galegos.

Estremecedoras son as páxinas que Isaac escribiu sobre as súas vivencias dos primeiros días da Guerra Civil en Santiago e sobre o desgarro emocional que para el supuxo o asasinato de seu pai. Con 16 anos acabados de cumprir, perdeuno todo e pasou de ser un neno educado nos valores republicanos a un adolescente baixo sospeita na guerra e na posguerra.

Logo repásase a súa traxectoria como artista plástico de grande éxito e no momento en que se erixía como o valor máis consagrado da plástica galega do seu tempo decidiu abandonar e pintura e instálase no Castro de Samoedo, moi preto da vila mariñeira de Sada, para iniciar a faceta de ceramista.

En 1958 estableceuse en Magdalena, a 47 quilómetros da cidade da Prata e a 108 de Bos Aires para instalar a fábrica de cerámica da Magdalena e manter un constante contacto dos exiliados galegos da Arxentina para fundar con Luís Seoane o Laboratorio de Formas de Galicia e a través del Ediciós do Castro, Museo de Arte Galega Contemporánea Carlos Maside, Cerámica de Sargadelos, Instituto Galego de Información...

No último capítulo, titulado ‘Final da utopía’, explícanse os movementos que, a golpe de usura e desmemoria, se produciron no seo das empresas por el creadas para afastalo da dirección das fábricas de cerámica do Castro e de Sargadelos.

Fixo, Díaz Pardo, Belas Artes en dous anos! Estou abraiada! Tiña, ademais, talento para todo o que tiña que ver coa cultura.

En 1939, ao resultarlle impensable, por motivos económicos, a súa idea de facerse arquitecto, decidiu trasladarse a Madrid para estudar na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando. Alí rematou a carreira facendo os catro cursos en dous e licenciouse na especialidade de debuxo e pintura obtendo excelentes notas. E aínda simultaneou o terceiro curso de Belas Artes cunha bolsa de 2.000 pesetas para participar na primeira experiencia en España de deseño industrial da Escola da Palma, que daquela era a Escola Central de Artes e Oficios de España.

Pode dicirse que todo o que conseguiu é por méritos propios?

Primeiro en solitario e despois partillando inquedanzas con Luís Seoane crearon no exilio arxentino en 1963 o Laboraorio de Formas de Galicia, ente teórico e viveiro de ideas, que foi o que posibilitou que da unión de dúas personalidades creadoras e visionarias como a de Seoane e Díaz Pardo nacese a proposta cultural máis importante e transcendente de cantas se teñan feito na Galicia posterior ao 36.

Foi a alma de Sargadelos?

Sargadelos foi unha iniciativa do laboratorio de Formas e, polo tanto de Luís Seoane e Díaz Pardo. Tamén participaron nas discusións teóricas Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Antonio Baltar, Blanco Amor, Arturo Cuadrado e Alberto Vilanova. Agora ben, malia a constante comunicación epistolar entre Isaac e Seoane, que estaba en América, quen se encargou de poñer en marcha a fábrica de cerámica de Sargadelos foi Isaac, que fixo de arquitecto, deseñador da maquinaria, administrador de recursos.... Luís Seoane foi fundamental na recuperación de Sargadelos porque, en opinión de Isaac, era un “personaxe excepcional, moi culto e humano”, pero, como diría Luz Pozo Garza, Isaac foi “o axente transitivo da clarividencia de Sargadelos”.

E así, en 1968, empregando as materias primas dos depósitos veciños de caolín, iniciábanse as probas nunha pequena planta experimental e o 10 de maio de 1970 inaugurouse a planta circular proxectada por Albalat, construída a 700 m da vella factoría de siderurxia fundada polo ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos. Desde entón, a fábrica de Sargadelos, coa cor azul cobalto como elemento identificador e a actualizada estrela de sete aspas radiais da primeira época como marca, produce servizos de mesa de porcelana de alta temperatura decorada baixo cuberta e, asemade, un material ornamental, na mesma porcelana, que interpreta unha iconografía galega, con mitos e feitos históricos.

Para darlle relevo á inauguración da planta circular, o Laboratorio de Formas organizou un seminario sobre deseño industrial ao que, con Díaz Pardo como vicepresidente executivo, asistiron importantes profesionais e teóricos desta materia e se publicou por primeira vez o Manifesto do Laboratorio de Formas.

E tamén foi a voz reivindicativa da memoria histórica?

Na Arxentina, onde montou a fábrica de cerámica da Magdalena, atopou Isaac unha colectividade de emigrados e exiliados que gardaba a herdanza da cultura galega republicana. En Magdalena ou en Bos Aires, mantivo numerosas reunións con Seoane e co resto das figuras esenciais da cultura galega alí transterradas, nas que se concibiron diversas actuacións tendentes a recuperar a memoria histórica de Galicia, interrompida en 1936. A idea concretouse na creación do Laboratorio de Formas de Galicia coa sinatura dun convenio de colaboración entre Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, aos que pouco despois se uniu o arquitecto Andrés Fernández-Albalat.

Había que recoller para o seu estudo e divulgación a obra e documentación do movemento renovador da arte galega a partir de Castelao (Museo Galego de Arte Contemporánea); había que promocionar e espallar o estudo da historia contemporánea de Galicia (Ediciós do Castro); recuperar a imaxe do que fora Sargadelos; recuperar o Seminario de Estudos Galegos; mellorar a imaxe da información e da comunicación (Instituto Galego de Información), e, en xeral, realizar e apoiar todo tipo de investigación que tivese Galiza nohorizonte.

Que peso tiñan a ética e o compromiso na súa vida?

Foi un inconformista que, agás o seu paso polas Xuventudes Socialistas Unificadas, aos 16 anos, non militou en ningún partido político. Considerábase un conservador-libertario. Conservador para conservar a experiencia humana proxectada no futuro. Conservador para conservar os bens patrimoniais que recollen a nosa historia e as nosas tradicións, que hai que conservar facéndoas evolucionar. Tradición quere dicir ‘traspaso’ e ‘non quedar no pasado’. E libertario pola utopía de ideal máximo de xustiza social.

“Isaac Díaz Pardo, unha torre de ética por riba de todo coas causas xustas e Galicia sempre no horizonte. Os seus restos repousan no cemiterio de Boisaca ao carón mesmo do memorial que o Concello de Santiago lle dedica aos que pagaron coa propia vida a defensa da liberdade e de Galicia en 1936 porque pertencía a un país que non estaba en ningures. Ao país dos vencidos, dos paseados, dos exiliados”.

29 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.