Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tres colexios gañan o concurso ‘Contádenos o voso Día das Letras’

Os centros participaron na convocatoria da RAG con traballos sobre Carvalho Calero

A Coruña. Os colexios Saco Arce de Toén (Ourense), Juan Fernández Latorre (A Coruña) e Marco da Portela (Pontevedra) son os gañadores da última edición de Contádenos o voso Día das Letras Galegas.

Os tres centros participaron no concurso da Real Academia Galega con traballos arredor da vida e da obra de Ricardo Carvalho Calero que implicaron a participación do alumnado e das familias durante o confinamento e a desescalada, e que constitúen unha boa mostra do esforzo que realizou o conxunto da comunidade educativa galega para celebrar as Letras Galegas 2020 en plena pandemia.

Tampouco faltaron materiais elaborados polo profesorado para facilitar a celebración dende os fogares. Os colexios gañadores serán premiados con lotes de libros para dotaren as súas bibliotecas.

Un total de oitenta centros de educación Infantil e Primaria de toda Galicia concorreron á última edición de Contádenos o voso Día das Letras, o concurso creado pola RAG en 2017 ao abeiro do proxecto Primavera das Letras.

O CEIP Saco e Arce de Toén participou cunha das iniciativas máis orixinais para achegar os nenos e nenas á vida e á obra de Carvalho Calero. O profesorado animou o alumnado a profundar na súa vida e no seu legado literario e a localizar en Ourense a rúa dedicada ao filólogo e escritor. Unha vez atopada, os nenos e nenas deixaron nela debuxos, poemas e outras creacións a modo de homenaxe.

O resultado pode verse nun vídeo de resumo no que Xoana fala da súa lectura de As pitas baixo a chuvia, Pablo e a súa nai len un fragmento do mesmo relato, e Noa, Aixa e Luán recitan versos do escritor na rúa do autor.

A CEIP Saco e Arce compartiu ademais a actividade con outros colexios galegos pedíndolles que se sumasen a esta iniciativa dende as demais rúas de Galicia que levan o nome de Carvalho Calero. Os nenos e nenas de infantil deste colexio tamén participaron nas Letras Galegas 2020 ilustrando As pitas baixo a chuvia.

As contribucións do CEIP Juan Fernández Latorre son outro bo exemplo do gran labor do profesorado e das familias durante o confinamento para facer realidade a celebración das Letras Galegas.

Entre outras propostas, o alumnado de cinco anos gravou dende a casa unha dramatización do devandito relato, inspirado na infancia do autor e moi empregado nas aulas de infantil e do primeiro ciclo de primaria de toda Galicia pola súa idoneidade para estas etapas.

Os fogares foron de igual xeito o escenario da celebración das Letras Galegas 2020 da comunidade educativa do CEP Marcos da Portela. O alumnado deste colexio pontevedrés percorre a biografía de Carvalho Calero, recita poemas e le outros fragmentos da súa obra nun dos vídeos gravados durante o confinamento, no que tamén participa o profesorado. ECG

20 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.