Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tributo a Victoriano García Martí, pai do I Congreso da Prensa de Galicia

A Asociación de Periodistas de Santiago destaca a súa labor como promotor e intelectual

A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Santiago (APSC/FAPE) aprazou os actos da celebración do Patrón San Francisco de Sales (hoxe), en virtude da situación pandémica, pero adianta que celebrará unha homenaxe a Victoriano García Martí (A Pobra do Caramiñal, 1881-Santiago, 1966), unha das figuras claves do pensamento europeo na primeira metade do século XX.

Alén do seu inxente traballo intelectual (xornalista, escritor, xurista, ensaísta, filósofo e editor), destaca a súa labor como promotor do I Congreso da Prensa de Galicia, no ano 1921, acontecemento do que se cumpre o seu centenario, e que se celebrou no Paraninfo da Universidade compostelana.

O sobranceiro pobrense exerceu o xornalismo en numerosas publicacións como El Compostelano, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, El Liberal, ABC, El Heraldo o La Vanguardia, e ten numerosos libros en castelán dedicados a Galicia como Una punta de Europa ou Don Severo Carballo. Del alma gallega, e foi profeta do chamado turismo literario valorando a Galicia desde unha perspectiva de difusión internacional.

Salienta dicir tamén que García Martí foi o editor das obras completas da mesma Rosalía de Castro, no ano 1944. Defensor da cidade de Santiago como capital emblemática, meta turística e berce de europeísmo, sufríu censura e persecución polo seu republicanismo e polas súas ideas democráticas.

Os responsables franquistas prendéronno e sufriu cadea no penal de Burgos.

A pesares do ostracismo da súa figura e obra en Galicia e España, a súa valía intelectual é innegable.

En París foi un bo discípulo de Henri Bergson e Émile Durkheim na famosa Universidade da Sorbona, o que explica os seus posteriores traballos de investigación sociolóxica e filosófica.

os tempos da súa coNSAGRACIÓN EN MADRID En Madrid consagrouse como secretario do Ateneo baixo a presidencia de Menéndez Pidal, Conde de Romanones e Ramón Mª del Valle-Inclán, ademais de secretario da Sección de Filosofía en tempos de Ortega y Gasset. Con este e outros destacados pensadores como Miguel de Unamuno ou Manuel Azaña mantivo unha estreita relación persoal.

Amigo persoal e coetáneo de Valle Inclán, coincidíu con él en múltiples tertulias e vivencias tanto na Pobra de Caramiñal como en Madrid. Membro da Real Academia Galega, e correspondente da Española, así como doutras prestixiosas institucións, nunca esqueceu o seu vencellamento con Galicia como amosa a súa sinatura no Compromiso de Barrantes (1930) ou a creación da Sociedade de Amigos de Galicia.

A Asociación de Periodistas de Santiago , seguindo o ciclo de recuperación das figuras egrexias do xornalismo galego, que pasaron a historia pola súa profesionalidade e maxisterio, como fóra do caso dos mestres Borobó, Bocelo ou Augusto Assía, levará a cabo a homenaxe a García Martí cando a situación sanitaria o permita facer.

Os actos deste tributo terán lugar en Santiago e na Pobra do Caramiñal, e contan co apoio do Concello da súa vila natal e mais da especialista na súa vida e obra, a máis filóloga e tamén profesora da Universidade de Santiago, Arantxa Fuentes Ríos.

24 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.