Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un 25 % máis de rupturas matrimoniais en Galicia

Ao acabar a paralización da actividade xudicial pola pandemia aumentaron en 301 respecto ao mesmo periodo do ano anterior

O número de demandas de ruptura matrimonial –separacións e divorcios– rexistradas en Galicia no terceiro trimestre do ano foi de 1.500, 301 máis que as presentadas no mesmo período do ano pasado, o que supón un aumento do 25 %.

Así o indican os datos publicados onte pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), recollidos nun comunicado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

As cifras correspondentes ao terceiro trimestre do ano presentan subidas interanuais en todas as formas posibles de disolución matrimonial, xa que este período –do 1 de xullo ao 30 de setembro– sitúase inmediatamente despois do segundo trimestre
–o máis afectado do confinamento–, no que se paralizaron todos os prazos procesuais. Na comunidade galega, os datos tamén reflicten que, por cada 10.000 habitantes, se contabilizaron 5,6 demandas durante o terceiro trimestre de 2020.

En canto aos tipos de divorcio, o estudo indica que entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, os divorcios consensuados aumentaron un 35,3 % –de 631 en 2019 a 854–, e o non consensuados pasaron de 527 a 590 en 2020, o que supón un ascenso do 12 %.

Os procedementos de separación tamén acusaron unha subida. As separacións de mutuo acordo pasaron de 30 en 2019 a 41 no mesmo período deste ano, mentres que das non consensuadas se rexistraron catro máis que en 2019 --11-, e alcanzan agora as 15 demandas.

Outro dos procedementos que máis aumentaron segundo este estudo, son todos os relacionados coa garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais.

Rexistráronse 317 demandas de modificación de medidas consensuadas, 140 máis que no terceiro trimestre do 2019 –177–, o que supón un incremento do 79,1 %. Subiron tamén as medidas non consensuadas, das cales se rexistraron 334 este 2020 e 281 no mesmo período do ano pasado, o que representa unha subida do 18,9 %.

O estudo tamén recolle os datos sobre demandas de nulidade e en Galicia, non se presentou ningunha demanda deste tipo nin no ano 2019 nin en 2020.

cifras
a nivel nacional

Os datos para o conxunto do país mostran unha subida do 16,6 por cento nas rupturas matrimoniais. En España, de media, rexistráronse 5,4 demandas de ruptura matrimonial por cada 10.000 habitantes. Segundo estes datos, Canarias e a Comunidade Valenciana son os territorios autonómicos cun maior número de separacións e divorcios; 6,6 procedementos abertos en cada comunidade. As modificacións de medidas de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais tamén subiron, tanto as consensuadas, que alcanzaron as 5.930 demandas –un incremento do 56,8 % respecto ao ano anterior–, como as non consensuadas, que aumentaron nun 21,3 % e chegaron aos 6.981 procedementos en total.

28 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.