Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un álbum ilustrado para os tempos difíciles cheos de dor e de pedra

O álbum O meu baleiro, de Marcos Viso (Ourense, 1973), autor dos textos e das ilustracións, semella que está destinado a un lectorado infantil polas características que presenta: observamos un formato amplo pensado para os nenos, tapa dura, gardas deseñadas con xogo visual, pouco texto, moito protagonismo da imaxe... No entanto, a fonda mensaxe que aborda e mais a reflexión que provoca na persoa que le, xunto coa temática sobre a que xira a narración, fan que este libro poida ser desfrutado por públicos de todas as idades.

Convén destacar, en primeiro lugar, que as imaxes deste álbum ilustrado teñen un aire primitivo que evocan as figuras pintadas nas covas neolíticas; este xeito de debuxar concorda ben cos sentimentos básicos que agroman nesta obra. Dunha forma poética, veremos como se representa o baleiro interior por medio dunha metáfora visual que consiste nun borrancho branco que vai medrando no centro do peito.

Cunha escaseza de medios visuais, con figuras moi sinxelas, con formas sobrias e poucas cores, o autor consegue transmitir a soidade e a dor que sofre o protagonista fronte á perda que lle toca vivir.

Nas páxinas deste álbum o ilustrador xoga con diferentes recursos compositivos, como, por exemplo, o de empregar figuras fragmentadas ou o de pasar de enfoques moi próximos a panorámicas ou o de deseñar escenas que simulan movemento pola repetición do personaxe do neno xogando.

Todos estes efectos visuais, postos ao servizo da narrativa, conseguen mergullarnos nun tránsito doloroso, que vai desde a angustia que sofre o neno ao experimentar a perda ata a negación do sufrimento.

Coa súa lectura acompañaremos o protagonista, mentres pasa polo illamento ao que se somete de forma voluntaria, teimudo, rexeitando a axuda que lle ofrecen para xestionar a dor. Finalmente, descubrirá que o mellor camiño para superar a ausencia é arrodearse de amigos; desta forma, aprenderá a lembrar con agarimo os que xa non están e transformar a dor en bos recordos.

En definitiva, tendo en conta os tempos nos que estamos, con cambios constantes dos modos de vivir e de relacionarse, co medo latente do que nos pode ocorrer e, sobre todo, co temor a perder os nosos seres queridos, esta nova proposta de Hércules Edicións resulta atinada como un recurso interesante para pais, mestres e mediadores para axudar os máis cativos a asumir as emocións e os sentimentos que nalgúns momentos conflitivos nos depara a vida.

mariavidal@usal.es

23 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito