Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un centro levará a transformación dixital da Administración Local da Coruña

A UDC súmase á Diputación Provincial
e ao Concello para desenvolver o proxecto

A Coruña. A Universidade da Coruña súmase á alianza do Concello e a Deputación para impulsar a creación na cidade dun centro nacional de referencia no ámbito das Tecnoloxías de Información e das Comunicacións (TIC) para a transformación dixital da administración local

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o reitor da UDC, Julio Albalde, asinaron onte na sede da institución provincial unha adenda ao protocolo asinado o pasado mes de maio entre Deputación e Concello para colaborar na planificación e deseño da creación dun centro de innovación e servizos dixitais da administración local.

O proxecto será presentado pola Deputación e o Concello á convocatoria de fondos Next Generation da Unión Europea para o obtención de financiamento.A incorporación da UDC reforza a alianza de Deputación e Concello neste obxectivo.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a importancia de “unir esforzos para avanzar na transformación dixital da administración local” e explicou que unha das liñas de traballo para a creación desta nova infraestrutura é avaliar a súa posible integración na Cidade das TIC da Coruña.

Pola súa parte, o reitor Julio Abalde, manifestou que “a dixitalización do sector empresarial e industrial é imprescindible, como se evidenciou coa pandemia, e a UDC conta co coñecemento necesario para axudar a que se faga posible esta transformación dixital”.

O Centro de innovación e servizos dixitais orientado á transformación dixital da Administración Local pretende ser un centro nacional de referencia especializado na transformación e a modernización da Administración local a nivel estatal e autonómico, aínda que cun foco moi particular no ámbito local da provincia da Coruña.

Ademais, contando coa previsión da creación dun polo tecnolóxico especializado en TIC na cidade da Coruña e vinculado á UDC, promoverase a apertura do mesmo á incorporación das administracións públicas de ámbito local, autonómico e estatal potencialmente interesadas, de tal xeito que podan aproveitarse ao máximo as sinerxías entre ambas iniciativas, así como promover proxectos conxuntos entre o novo polo TIC e o centro de innovación e servizos dixitais orientado á transformación dixital da Administración Local.

En definitiva, o que se procurará con este centro de innovación e servizos dixitais é que, grazas ao traballo conxunto dos equipos técnicos da Deputación da Coruña, Concello da Coruña e UDC poda acadarse a dixitalización integral das administracións locais, mediante o deseño e posta en marcha de proxectos de transformación co obxectivo último de favorecer, entre outras cuestións, a modernización administrativa, a mellora da eficiencia, a axilidade e calidade nos procesos e servizos dixitais das entidades locais, a interoperabilidade provincial, a ciberseguridade no ámbito da Administración Local e na súa relación coa cidadanía, a definición e seguimento da estratexia TIC da Administración Local, a cooperación,coordinación e impulso do goberno aberto e da inclusión dixital da cidadanía, as pemes e os autónomos.

Procurarse tamén a integración do centro de innovación e servizos dixitais orientado á transformación dixital da Administración Local na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación, así como a súa coordinación cos centros de coworking xa existentes, tanto no Concello da Coruña como no resto da provincia, contribuíndo deste xeito ao seu apoio, seguimento e asistencia técnica xeral e tecnolóxica para impulsalos e afianzalos no tempo.

Este convenio enmárcase na senda da Estratexia Dixital da Deputación da Coruña, a cal pretende mellorar a calidade de vida da cidadanía a través dos servizos electrónicos, ao tempo que procura propiciar tanto a inclusión da sociedade neste eido mediante a súa capacitación, como impulsar a transformación dixital dos propios concellos.

No marco da estratexia, a Deputación traballa en colaboración cos concellos, os cales gozan de plena autonomía de xestión (tanto tecnolóxica como de organización), para determinar o nivel e o ritmo de avance da implantación da administración electrónica.

A Deputación financia a programación cultural da UDC. González Formoso e Abalde, xunto co deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron tamén esta mañá o convenio para financiar a programación cultural e de divulgación do coñecemento científico da Universidade da Coruña no 2021. O orzamento total ascende a 112.500 euros, un montante do que a Deputación achega 90.000 euros, o 80%.

Dentro deste ciclo de actividades inclúense xornadas como o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que achega á rapazada de primaria e secundaria a especialistas da UDC e á súa actividade investigadora. Tamén a terceira edición dos Premios Isabel Zendal, que buscan fomentar o pensamento crítico e racional como ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre a xente moza. Ou a First Lego League 2021, baseada en conferencias nas que espertos explican temas científicos e culturais de actualidade de xeito rigoroso e ameno ao conxunto da sociedade, promovendo o interese pola ciencia, a tecnoloxía e a cultura.

Unha das prioridades da Deputación da Coruña, segundo destacou González Formoso no encontro, “é a defensa e promoción da nosa cultura”. O presidente provincial tamén resaltou a importancia da divulgación científica e a necesidade de ofrecerlle “á mocidade os medios que necesiten para poder desenvolverse e progresar nos seus proxectos, co máximo fin de reter o noso talento, que non se vexa na obriga de emigrar senón que se desenvolva no territorio, xerando riqueza e impulsando o seu progreso”. Rematou incidindo en que se trata “dunha férrea aposta polo futuro”.

O programa abrangue tamén diversos obradoiros creativos artísticos e culturais e xa desde o ano pasado, como adaptación ás medidas hixiénico-sanitarias derivadas da pandemia, existe unha oferta de cursos en liña e outra presencial que se desenvolve no Espazo Normal (A Coruña) e no Centro Cultural Universitario de Ferrol. Comprende, por outra banda, residencias artísticas en Normal, coas que se busca apoiar proxectos de investigación e creación nos ámbitos do teatro, a escrita dramática, a danza, a música ou as artes visuais, entre outros. Deste xeito ofrécese aos artistas recursos infraestruturais, técnicos e humanos para o desenvolvemento das súas iniciativas.

Á súa vez, tamén se cofinancian o coro da UDC, creado no 1990, e exposicións. Do mesmo xeito, dentro do programa inclúense outras actividades fixas e puntuais como poden ser conferencias relacionadas co ámbito artístico e curatorial, accións polo Día das Letras Galegas, ciclos de música e cinema ou roteiros singulares de carácter histórico sobre a cidade de Ferrol e figuras como Ricardo Carvalho Calero ou Concepción Arenal. ecg

03 dic 2021 / 18:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.