Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un detective con varias vidas ao que seguirlle a pista: o gato Gatlock

A editorial Tambre vén de sacar neste ano 2021 os dous primeiros números dunha colección que agardamos teña continuidade: “O detective Gatlock”, de Sébastien Pérez, autor que se iniciou na literatura en 2007, e Benjamin Lacombe, afamado autor e ilustrador francés.

A serie está composta, ata o momento, de dous títulos: A desaparición dos ratos e As croquetas envelenadas, que se inician cun “Prólogo” no que se presenta o protagonista, Gatlock, un mico detective que, como gato que é, e como é sabido pola cultura popular, ten varias vidas, feito que lle permite vivir moitas aventuras en cada unha delas, coñecer gran cantidade de personaxes e enfrontarse á resolución de estraños casos.

En A desaparición dos ratos un narrador omnisciente traslada o lectorado ao París de 1975, cidade e momento no que vive o protagonista. Alí a mascota de dona Marcela deberá descubrir a causa da desaparición da súa amiga Magali, unha ratiña á que lle gusta moito o queixo, e doutros moitos ratos. Coa axuda doutros animais Gatlock descubrirá, nesta historia que recorda ao clásico O frautista de Hamelin, o culpable da desaparición dos pequenos roedores.

En As croquetas envelenadas a acción sitúase en 1917 na cidade de Nova York, onde o gato de pelame azul, xunto coa súa amiga Claudia, unha pomba birolla, se insire na gorida dos Pet Shop Dogs, da man de dous dos seus integrantes, para falar co seu xefe. Este solicitaralle axuda a Gatlock para resolver se os Gattuccini son ou non os responsables das croquetas envelenadas que os cans están distribuíndo.

A persoa responsable de verter ao galego as aventuras deste gato ao que lle asusta un pouco a escuridade é Isabel Soto, tradutora ben coñecida na Literatura Infantil e Xuvenil galega, mais non só nesta. Como é habitual nos seus traballos, o texto caracterízase polo coidado na escolla do léxico e fraseoloxía patrimonial galegos.

O compañeirismo ou a resolución de conflitos de maneira pacífica e intelixente son valores presentes nestas lecturas para os primeiros anos de educación primaria, aínda que do gusto de calquera amante dos animais. Lecturas que presentan intertextualidades con clásicos da literatura, ou mesmo con distintos xéneros e estilos musicais (a ópera ou o pop electrónico, por exemplo) e que educan literaria e lingüisticamente.

Animamos a Tambre á publicación de novas aventuras deste gatiño e ao lectorado á súa lectura. Quen sabe a que lugares e épocas Gatlock nos trasladará!

marta.neira@usc.es

16 ago 2021 / 02:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.