Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un Día das Letras con medio cento de actos para divulgar a obra de Xela Arias

Xunta, RAG, CCG e múltiples entidades e empresas deseñan un ambicioso conxunto de propostas en diferentes eidos culturais e sociais

Con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CDG), en colaboración coa CRTVG, así como empresas, administracións locais e varias editoriais celebrarán un amplo programa con ata medio cento de iniciativas presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros.

Todas esta iniciativas están dirixidas a todos os públicos de toda Galicia e terán como acto central o propio Día das Letras, o 17 de Maio en Vigo.

Durante a presentación da programación, que tivo lugar no IES Castelao de Vigo, onde estudou a propia Xela Arias, participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e parte da súa familia como a súa nai, Amparo, e o seu irmán Lois, o seu fillo Darío Gil Arias ou a súa parella Xulio Gil.

Froito dun traballo colaborativo entre as institucións e a familia da autora, a programación prevista como homenaxe a Xela Arias abrangue multitude de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e a integración, accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e tamén haberá actividades para os galegos no exterior.

No eido artístico, a Xunta promove propostas como a exposición Xela Arias. Asinamos ser libres, que fará parada en dez concellos galegos, ou Aquela nena de Sarria, que recalará na Biblioteca de Lugo.

Da man do seu fillo, Darío Gil, outra mosta fotográfica con preto de medio cento de pezas titulada Tigres coma cabalos inspirada no poemario da autora, chegará ás cidades de Vigo e Santiago.

De maneira virtual, tamén se celebrará Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor. Trátase dunha proposta que se poderá ver no Portal da Lingua Galega.

O Portal das Palabras, a web da RAG, así como a do Consello da Cultura Galega ou da CRTVG incluirán contidos específicos no universo vital e literario de Xela Arias.

Tamén haberá propostas musicais. Entre outras, o 16 de maio terá lugar o tradicional Concerto das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega que unirá textos e música a cargo de Pico Amperio e Laura La Montagne.

A programación incluirá iniciativas de participación social e empresariais. Así, ao longo do mes de maio, trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Vigo e A Coruña-Ourense levarán nos repousacabezas a imaxe institucional do Día das Letras Galegas 2021 e nas estacións de tren das cidades e os carteis gañadores do Concurso-exposición das Letras Galegas.

Na véspera do Día das Letras Galegas os supermercados Gadis de Galicia agasallarán a súa clientela, por calquera compra, cunha tirada de 30.000 libros en galego, 30.000 marcapáxinas e 60.000 bolsas de papel conmemorativas do 17 de Maio.

No eido editorial, incluirase a edición de obras inéditas, como Non te amola!, que a autora ultimaba cando faleceu, así como edicións especiais ou reedicións. Tamén se editará unha biografía, entre outras publicacións.

23 mar 2021 / 14:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.