Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un futuro distópico non tan lonxe: ‘Sangue no dron’

Recentemente publicada por Xerais, a novela de Ignacio Vidal Portabales Sangue no dron presenta un futuro distópico ambientado na Cidade das Campás, a actual Santiago de Compostela. O poder político caeu en mans de Privilexia Bélica, un grupo ditatorial constituído, como o seu nome indica, polos Privilexiados (grandes xigantes mercantís coma Amazon, Facebook, Exxon, JP Morgan, Apple, Johnson&Johnson etc.). O protagonista, Lan, forma parte da Resistencia, que se atopa guarecida no Subterráneo. Alí coñece a Chía, rapaza da que se namora irremediablemente e pola que arriscará a súa vida. Lan verase somerxido nun concurso organizado polo réxime, que nun principio pode lembrar a Os xogos da fame, onde se atopa con Belisa e Artur. Rompendo as regras e formando unha unión, xuntos descubrirán un segredo do sistema que poñerá en perigo a base sobre a que se asenta esta Nova Era.

Cun ritmo rápido e vertixinoso, o autor presenta a que esperamos que sexa a primeira entrega dunha nova saga de literatura xuvenil que, ademais de atrapar aos tecnófilos, dará que pensar a todo o público xeral, pois calquera poderá sentirse identificado con algunhas das prácticas descritas e se imaxinará perfectamente a posibilidade de que outras similares existan nun futuro próximo. Trátase dunha novela que ten lugar nun entorno moi coñecido para calquera cidadán galego, na que o manexo militar de dispositivos electrónicos coma os drons se volve cotiá e na que os datos persoais son a posesión máis valiosa dos habitantes. Doutra banda, dada a natureza do xénero literario ao que pertence e o verdadeiro potencial da trama que se presenta, nalgúns momentos o lector arela un maior desenvolvemento da segunda parte, a correspondente ao paso dos protagonistas polo concurso. Tamén destacan positivamente detalles coma a orixe do título —un momento clave na vida de Lan— e o emprego de recursos que facilitan a comprensión do lector, coma a analoxía entre a profesión de piloto de drons e de cetreiro, que nos achegan ao pasado do protagonista e aproxima dúas artes que, aínda que poderían parecer estar moi afastadas, se relacionan.

Vinte e catro capítulos que o ávido lector desexará que fosen corenta e oito e mais un glosario, que o axudará a non perderse entre a nova terminoloxía que propón, conforman este obra introdutoria que consegue a inmersión nunha ambientación distópica moi ben construída. En definitiva, a primeira incursión de Vidal Portabales no mundo da literatura xuvenil, aínda que breve, resulta moi prometedora.

20 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.