Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un pioneiro sistema de teatro inclusivo do CDG no Salón Teatro

O espazo de exhibición da Xunta sitúase así á vangarda, único con sesións 100% adaptadas

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, vén de poñer en marcha no Salón Teatro de Santiago de Compostela un sistema pioneiro de teatro inclusivo que permite dispoñer en todas as funcións de interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescrición. Trátase dunha aplicación específica que funciona co programa de son Qlab e permite ir axustando en directo estes servizos, ata o de agora só dispoñibles en sesións puntuais.

Deste xeito, as persoas con discapacidade audiovisual ou auditiva poden asistir a calquera representación no Salón Teatro e terán á súa disposición audiodescrición a través de receptores individuais proporcionados polo Centro Dramático Galego, interpretación en lingua de signos proxectada sobre as columnas situadas a ambos lados do escenario e subtítulos que poden descargar nos seus dispositivos móbiles.

O espazo de exhibición escénica da Xunta sitúase así á vangarda da inclusión, converténdose no único que ofrece sesións 100 % adaptadas.

O sistema foi deseñado polo técnico do Centro Dramático Galego Guillerme Váz-quez, recoñecido co galardón ao proxecto coa temática máis innovadora dos III Premios empregados públicos innovadores da Axencia Galega de Innovación. Con el buscouse superar as dificultades derivadas do carácter único e efémero das representacións teatrais para a sincronización entre materiais gravados e o directo escénico.

A medida está xa en funcionamento nas representacións de A peste, a montaxe inspirada na obra de Albert Camus que está en cartel no Salón Teatro ata o 13 de marzo. Hai cinco sesións semanais, de mércores a domingo, e as entradas poden adquirirse a través da web www.ataquilla.com e no despacho de billetes desde dúas horas antes do inicio.

O sistema de teatro inclusivo enmárcase na aposta do Centro Dramático Galego polo achegamento do teatro a toda a cidadanía. Nesta mesma liña, todos os mércores se ofrecen sesións descontraídas, con condicións de son e luz especiais para persoas con pouca tolerancia a espazos pechados, aos ruídos ou á escuridade. As producións propias cunha sesión inclusiva, con audiodescrición e interpretación de signos, xa non son precisas.

24 feb 2022 / 17:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.