Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un superpoder para combater o cambio climático

Que teñen que ver as vacas co cambio climático? Esta é a pregunta á que tratan de dar resposta a consultora ambiental Marian Martínez Izquierdo (Murcia, 1968) e a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, Luisa Martínez Lorenzo (Ceuta, 1970), na nova proposta para lectorado infantil que presentan baixo o selo Hércules de Ediciones. A obra, titulada xustamente Que teñen que ver as vacas co cambio climático?, xa está dispoñible desde xaneiro deste ano en lingua galega, grazas á tradución de Charo Baleirón Sóñora.

Mediante unha linguaxe sinxela e uns debuxos que facilitan a comprensión dos conceptos e das ideas máis abstractas, as autoras buscan explicar ao lectorado máis novo como funciona o planeta no que vivimos. Para isto, parten da dixestión dos ruminantes e da relación que existe entre as súas flatulencias e o efecto invernadoiro, que axuda a controlar a temperatura da Terra. Así, van explicando cales son os gases que provocan ese efecto invernadoiro e como interaccionan nas distintas esferas do planeta, tendendo sempre ao equilibro. Tamén explican a forma na que, desde a Revolución Industrial, os gases derivados das fábricas e dos medios de transporte contribúen a modificar ese equilibro natural, favorecendo o cambio climático e as súas devastadoras consecuencias.

Porén, tal e como sinalan as propias autoras, Que teñen que ver as vacas co cambio climático? non é un libro catastrofista, senón un libro que pretende ofrecer solucións que axuden a frear a emerxencia climática. Por iso, apelando directamente á responsabilidade individual de cada un de nós, Marian e Luisa ensínannos que todos temos un superpoder que podemos activar no día a día: o consumo responsable, e ofrécennos algunhas ideas sobre como utilizalo de forma axeitada –evitando o consumo excesivo, alongando a vida útil das cousas, buscando produtores respectuosos co medio ambiente, etc.–

En definitiva, a nova proposta literaria que nos presenta Hércules de Ediciones é un recurso didáctico de gran valor para achegar a actual situación de emerxencia climática ao lectorado máis novo. A través desta obra, a infancia non só poderá descubrir dunha forma lúdica e entretida como funciona o planeta e como está cambiando a causa das actividades humanas, senón que tamén poderá tomar conciencia daquilo que está na súa man para tratar de deter ese cambio e, así, contribuír entre todos a crear un mundo mellor no que vivir.

ngardia@cirp.gal

13 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.